Piden o cesamento de Pérez Ares, xefe territorial de Educación, por actuar "irregularmente" coa Escola de Verducido
Por Redacción
O BNG e o sindicato CIG reclaman o cesamento no cargo de César Pérez Ares, xefe territorial de Educación, despois de que o xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra dese a razón ás familias da Escola de Verducido que se opoñían ao peche da unidade de Educación Primaria neste centro da parroquia pontevedresa.
Luís Bará, parlamentario do BNG, felicita á comunidade escolar pola readmisión no centro do alumnado de primeiro de Primaria e denuncia a actuación por parte da Consellería de Educación ao entender que actuou de maneira "unilateral e irregular". Segundo o deputado nacionalista esta sentenza supón un duro pau para a administración educativa da Xunta.
Con motivo desta sentenza, Bará presentaba no Parlamento Galego varias preguntas e unha proposición non de lei na que reclama que se restableza a legalidade en breve prazo de tempo neste centro e que se garantan os dereitos educativos para o alumnado matriculado neste curso.
Ademais, solicita que se recoñeza e apoie o proxecto educativo integrador e innovador da Escola rural de Verducido e que, por parte da Xunta, se pida desculpas ás familias e á comunidade educativa deste centro. Ademais solicita que se investigue e depuren responsabilidades por esta actuación "irregular" e pola vulneración de dereitos.
Nesta liña, desde o BNG entenden que a gravidade do caso merece a dimisión ou o cesamento do actual xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
Pola súa banda, o sindicato nacionalista CIG tamén considera que esta decisión xudicial é un novo golpe á xestión da Consellería de Educación e Xacobe Rodríguez, secretario comarcal de CIG-Ensino, cualifica de "caótica" a xestión do ensino público que está a levar a cabo Pérez Ares.
Afirman que esta escola é un referente como modelo de integración na súa contorna e desde hai anos a Xefatura Territorial de Educación tentaba pechar a unidade de primaria. Xacobe Rodríguez afirma que esta sentenza non só dá a razón aos pais senón tamén ao sentido común e á sociedade.
Indican que non se pode permitir que continúe á fronte da xefatura territorial unha persoa que toma continuamente a súa decisión en contra do ensino público e, sobre todo, no rural.
Relacionadas:
-
Educación confirma que a escola de Verducido non terá Primaria o próximo curso
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Bará pide á Xunta que "depure responsabilidades" en Sanidade e Educación polos últimos "varapaos xudiciais"
Por Oskar Viéitez |
-
Educación reabrirá Primaria na escola de Verducido de maneira "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
A xustiza ordena a Educación reabrir a unidade de Primaria pechada na escola de Verducido
Por Alejandro Espiño |
-
Verducido mobilízase contra o peche de Primaria na súa escola unitaria en plena pandemia
Por Redacción |