Cerdedo-Cotobade aborda outra fase da mellora do vial entre Piñeiro e Tresaldeas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade aborda unha nova fase na mellora do vial que comunica os núcleos rurais de Piñeiro e Tresaldeas para continuar coa adecuación do trazado que vai desde o núcleo de Os Castros (Quireza) co entronque de Barbeira (Tomonde) iniciado xa con anterioridade e que agora se ve ampliado con este novo investimento municipal que acadará os 20.860 euros.
Os traballos, que se acometerán grazas ao aproveitamento das rebaixas feitas polas empresas concesionarias de varias obras incluídas no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, centraranse básicamente na mellora das cunetas, que serán obxecto dun saneamento integral e formigonado posterior, así como a construción de sistemas de recollida de augas pluvias e drenaxe.
Segundo Jorge Cubela, "estes traballos permitirannos seguir avanzando na mellora da seguridade viaria nesta zona dando resposta ás necesidades da veciñanza ao tempo que tamén imos modernizando a rede de viais municipais que vertebran o interior do noso concello".
Estes viais son, segundo o alcalde, "os que realmente permiten unha maior relación e conectividade entre os nosos veciños e veciñas á hora de facer os seus desprazamentos".
Aínda queda unha terceira fase que tamén será abordada "tan pronto se poida", lembrou Jorge Cubela: "O noso compromiso está aí e os veciños e veciñas saben que está anotado na nosa axenda e que cumpriremos, coma sempre".