Comeza a campaña solidaria "Neste Nadal pon un prato máis!"
Por Oskar Viéitez
"Neste Nadal pon un prato máis!" é o lema dunha campaña solidaria na que participan a parroquia de Combarro, a Asociación Virxe da Renda e o departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Poio. O seu coordinador é o músico local Miguel Martínez, que impulsa a actividade co obxectivo de reunir alimentos, a través de doazóns desinteresadas, que, posteriormente, serán repartidos entre as familias do municipio que se atopan en dificultades económicas ou en risco de exclusión.
Aquelas persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa solidaria poderán facer entrega de diferentes produtos, como leite, legumes, conservas, pasta, aceite, sal, azucre, cereais, cacao ou café. Ademais, tamén haberá cabida para outro tipo de doazóns, como poden ser material de primeira necesidade para os fogares ou de hixiene.
As entregas poderanse levar a cabo na igrexa de San Bernardo, na parroquia de Combarro, os días que se celebren misas.
Miguel Martínez explica que esta campaña está pensada para que poidan participar veciños de todas as parroquias de Poio, polo que tamén se ofrece a posibilidade de recoller a domicilio.
Os interesados poden obter máis información chamando ao número de teléfono 630025449. As entregas poderanse facer ata as datas previas de Nadal.
RECOLLIDA DE XOGUETES
Por outra banda, a Concellería de Benestar Social e Mocidade lembra que tamén permanece activa a campaña "Un xoguete, un sorriso", unha iniciativa solidaria que ten coma obxectivo facilitar que os nenos das familias máis desfavorecidas do municipio poidan recibir tamén os seus regalos de Nadal, doados de xeito altruísta pola veciñanza.
Aquelas persoas interesadas en colaborar nesta actividade poderán deixar os xoguetes nas dependencias da Casa Rosada, de luns a venres en horario de mañá e de tarde. O prazo permanecerá aberto ata o 27. Tamén é posible facer a entrega noutras instalacións municipais, como o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
Os únicos requisitos son que os xoguetes doados estean limpos e se atopen en bo estado.
MATERIAL DE PROTECCIÓN
Por outra banda, operarios municipais levaron a cabo este luns o reparto entre os centros escolares da vila do material de protección sobrante do utilizado para a celebración das eleccións autonómicas do pasado mes de xullo.
O Concello acomete esta actuación tras recibir hai uns días o visto bo por parte da Xunta, requisito indispensable para poder facer uso do material. A Concellería de Educación xa dera traslado da pertinente petición antes do inicio do curso escolar.