Un de cada cinco euros do orzamento municipal da Lama estará destinado á protección e promoción social
Por Redacción
A Corporación municipal da Lama aprobou os orzamentos municipais para o ano 2021, unhas contas de 1.598.700 euros, uns 21.529 euros máis que o exercicio anterior, nas que un de cada cinco euros estará destinado á protección e promoción social.
O orzamento foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros do PPdeG e a abstención de C´s e BNG e inclúe un crédito subscrito para achegar a parte municipal á construción do Centro de Día que irá ubicado anexo ao pavillón de deportes.
Todos os concelleiros presentes na sesión plenaria (PP, C´s e BNG) aprobaron subscribir un crédito duns 300.000 euros para a construción deste Fogar Residencial e Centro de Día, que se construirá a través dun convenio coa Xunta de Galicia. A administración autonómica porá uns 200.000 euros.
O alcalde, Jorge Canda, explicou que o crédito permitirá abonar trimestralmente uns 8.000 euros, unha cantidade considerada polo equipo de goberno como asumible polo Concello "dada a solvencia e a boa situación económica" na que se atopa a administración local.
De cara ao novo exercicio, o Concello da Lama non subirá impostos nin taxas municipais e o alcalde destaca que os orzamentos están feitos desde a óptica da crise actual provocada pola covid-19. Austeridade, cautela e control do gasto público marcarán a actuación municipal.
A planificación orzamentaria está orientada a actuacións en materia de protección e promoción social. En concreto, aumentou un 5,32% a partida existente para esta rama de actividade, elevándoa ata os 359.161,04 euros para dar atención ás persoas demandantes do Servizo de Atención no Fogar (SAF), ao Centro á Información á Muller (CIM), e ao programa Xantar na Casa.
Ademais, a ANPA Caldevergazo, do colexio público da Lama, recibirá para as súas actividades 1.000 euros; a Comisión de Festas da Lama terá en 2021 un total de 4.000 euros, con estino á celebración da festividade de San Joaquín e Santa Ana; e a comisión das Ermidas disporá doutros 4.000 euros para as actividades culturais complementarias da tradicional romaría, sempre e cando a evolución da pandemia permita a súa celebración.
Ademais, o Concello acordou destinar 249.000 euros do remanente de tesourería a investimentos en proxectos de interese veciñal, como traída de augas ou subministracións en materiais de obra para acometer actuacións demandas pola cidadanía.
O último Pleno tamén aprobou por unanimidade solicitar unha subvención de 997.000 euros ao Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDEA) para a renovación completa do alumeado público en todo o municipio substituíndo cadros eléctricos, redes de abastecemento enerxético obsoletas e as luminarias tradicionais por puntos de luz tipo led, máis ecolóxicas e coa metade do consumo.
Relacionadas:
-
Aprobados os orzamentos da Lama para 2022 cun incremento en gasto social
Por Redacción |
-
Aprobadas as contas do 2020 na Lama cun remanente de tesourería de medio millón de euros
Por Redacción |
-
A Lama construirá un centro para persoas maiores con fogar residencial e centro de día
Por Redacción |
-
A Lama contrata á empresa Idades o Servizo de Axuda no Fogar por 244.000 euros
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama ten un remanente de tesourería de 642.000 euros
Por Redacción |
-
O orzamento da Lama supera o millón e medio de euros e vai centrarse en protección social
Por Redacción |