O Canal de Suez provoca a eliminación de Emma Torres, decana de Ciencias Sociais, no programa Ahora Caigo
Por Redacción
"Momentazo insólito", así define a web de Antena 3 a escena pola que Emma Torres, a recentemente elixida decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quedaba eliminada do popular concurso televisivo 'Ahora Caigo', que presenta Arturo Valls. O programa foi emitido este luns 16 de novembro.
A profesora natural do Grove enfrontábase a Marco, un concursante que se atopaba na trapela central, na proba 'Adivina'. Ambos competían por descubrir un espazo xeográfico. Á primeira pista que facía referencia a que o lugar fora orixe de conflito, Emma Torres citou o istmo da Lanzada e Arturo Valls preguntoulle se dixera "Chiquito de la Calzada".
A concursante explicou que se trataba dunha referencia á súa terra. Na seguinte pista á que tivo que dar resposta dixo o Canal de Panamá e, a continuación, o seu adversario absolutamente perdido contestou o Canal de Suez, seguindo a pista dada por Emma, coa sorte de que era a resposta correcta.
Desde o programa sinalan que ao final Emma rematou sendo a opoñente máis xenerosa que ninguén se podía imaxinar. Grazas a ela, Marco continuou xogando e Emma foi tragada na súa trampa.
Previamente, esta profesora de 42 anos presentábase indicando que procedía do Grove, "o paraíso" engadiu ao falar do municipio onde foi tenente de alcalde no goberno de José Cacabelos. E á pregunta do presentador de por que acudira ao programa, afirmou que ten moitos hobbies, entre eles o Roller Derby. A concursante, ante a curiosidade de Arturo Valls, explicou que se trata dun deporte de contacto que se practica con patíns e citou ao equipo en Pontevedra co que xoga, a Negra Sombra.
Tamén se mostrou moi afeccionada aos deportes de motor, asegurando que non eran baratos. Ademais fixo unha referencia aos seus sobriños aos que tamén destinaría o diñeiro do premio en caso de gañalo. Pero, nesta ocasión, o Canal de Suez interpúxose. Outra vez será.
Relacionadas:
-
Emma Torres, reelixida como decana da Facultade da Comunicación
Por Redacción |
-
O programa 'Ahora Caigo' pechou os seus dez anos na pantalla coa participación do vilagarcián 'Borjamina'
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- A playlist de 'Borjamina'. A súa cara sóache... agora caes?
Por Marisa Ciordia |
-
32 votos favorables permiten a Emma Torres volver ser decana de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |
-
Emma Torres, única aspirante a ocupar o Decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |