O PP cualifica de "inmoral e indigno" o aumento de soldos e dedicacións exclusivas na Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Jorge Cubela, Pepa Pardo e Alejandro Lorenzo, deputados provinciais do Partido Popular, anunciaban este martes que o seu grupo político presentará unha emenda á totalidade aos orzamentos presentados polo goberno do PSOE e BNG para 2021 na Deputación de Pontevedra.
Os populares quixeron facer fincapé no incremento de 14 a 16 dedicacións exclusivas entre os deputados que conforman o goberno provincial. Denuncian que esta decisión supón un incremento dun 11% nos gastos destinados ao soldo dos políticos, pasando de 615.000 a máis de 680.000 euros no repartimento de soldos. Tamén mostraron o seu rexeitamento ao incremento nos ingresos para cada deputado con dedicación parcial ou exclulsiva que supoñen unha media de aumento dun 4,6% nos soldos da presidenta Carmela Silva e dos deputados.
"Non merecen o soldo que gañan e o van aumentar", afirmaba o portavoz Jorge Cubela cualificando de "inmoral e indigno" este incremento de gasto. "Un malgasto en plena crise económica", afirmou denunciando que este goberno denega axudas a autónomos, ás PEMES e á hostalería.
Lembrou que a poboación se enfronta a ERTES, a peche de negocios e a unha situación de dificultades para afrontar a actual situación e esta decisión por parte do goberno provincial supón un "exemplo de que dá as costas á cidadanía".
Contrapuxo esta decisión ao anuncio por parte de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, que anunciaba nas últimas horas a conxelación dos salarios do goberno galego durante 2021. Cubela arremetía contra a "irresponsabilidade política de Carmela Silva e a incapacidade para dirixir á Deputación nun momento crítico como o actual".
Pola súa banda, Pepa Pardo tamén manifestou o seu asombro por uns orzamentos que "non se axustan ás necesidades da sociedade actual" e avanzou que solicitarán no pleno que se retire este incremento salarial porque é "inmoral e vergoñoso". Engadiu que, no caso de que non se aprobe pola maioría, os deputados do PP con dedicación exclusiva renunciarán a ese incremento. "Mentres as familias apértanse os cintos, eles danse un premio", afirmou a representante popular.
Jorge Cubela engadiu que irán debullando todo o orzamento en próximos días pero entenden que non se axusta á realidade e só responde os intereses políticos do bipartito denunciando que se centran na propaganda e a publicada. Criticou que a Deputación se atope desaparecida na loita contra o coronavirus e non ofreza proxectos nin planificacións para colaborar cos sectores que se atopan con dificultades para superar a actual crise.
RESPOSTA DO GRUPO DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN
O deputado provincial Carlos Font, integrante do grupo de goberno da Deputación, respondía este mesmo martes ás acusacións do Partido Popular afirmando que "non saben nin ler un orzamento, non traballan e son dunha ignorancia supina. Os seus salarios si que lle saen caros a esta provincia".
Font lamentou que o PP se dedique "ao exercicio da mentira compulsiva que xa é o seu sinal de identidade, co que agora pretenden enganar e confundir á opinión pública cando falan das dedicacións e dos salarios da corporación provincial". Afirma que é unha "absoluta falacia" a acusación procedente do PP.
O deputado lembrou que na corporación provincial hai dúas dedicacións exclusivas e 14 dedicacións parciais "entre as que se atopan as catro das deputadas e deputados do Partido Popular". Font manifestou que estas dedicacións foron aprobadas polo pleno de organización da Deputación "co voto a favor do PP" e engadiu que "o que non hai con este goberno son cartos de libre disposición que si existían cando gobernaba Louzán, cartos cos que costeaban ceas e eventos de índole semellante".
Tamén falou sobre a pretendida suba salarial da que "con tan pouca vergoña fala o PP" para dicir que "volven mentir e con todo descaro e mostran unha ignorancia supina". O deputado explicou que a suba dos salarios é do 0,9%, que foi a que aprobou o goberno de España para funcionarios e funcionarias públicas e asimilados. "Son tan ignorantes que nin sequera saben que os salarios non se poden subir máis do que aproba o goberno do Estado", sinalou.
Carlos Font recordou que en 2020 o goberno de España aprobou unha suba salarial do 2% que non fora contemplada no orzamento inicial da Deputación, "polo que se fixo unha modificación posterior para implementar os recursos necesarios". E continuou expoñendo: "e o PP, demostrando a súa ignorancia, o que fai é unha comparativa de costes salariais deste ano con xaneiro de 2020, en vez de facela unha vez aprobada a modificación".
O deputado tamén lamentou que o PP non fale por exemplo da redución do coste do Gabinete de Presidencia, que baixa un 3%. "Diso non din nada, non vaia a ser que a comparativa cos seus gobernos non lles saia moi favorable", sentenciou.
Relacionadas:
-
Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Deputación non aplicará na corporación provincial a suba salarial do 0,9%
Por Redacción |
-
A Deputación aproba investimentos por un total de 8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe á Deputación dez millóns de euros para salvar a pemes e autónomos da provincia
Por Manu Otero |
-
A Deputación aprobará o 20 de novembro un orzamento de 164,5 millóns de euros para "transformar a provincia"
Por Natalia Puga |