Caldas rexistra 55 solicitudes de subvencións para rehabilitar edificios e vivendas
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis informa que tras terse pechado o prazo para solicitar subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI), se rexistraron un total de 55 demandas.
O incremento de solicitudes con respecto ao ano anterior é do 254%, alcanzado o orzamento total das obras solicitadas cerca de 500.000 euros. As solicitudes están en fase de revisión, pero dende a Oficina Municipal da ARI que dirixe a arquitecta, María Pierres, adiantan que ante a altísima demanda rexistrada, as solicitudes sobrepasarán os fondos dispoñibles, que ascenden a 180.000 euros para obra privada.
A Xunta aporta desta cantidade o 10% e o Estado, a través do Ministerio de Fomento, o 40%, quedando o resto da cantidade en mans dos promotores. Ademais dos fondos para obra pública o programa contempla partidas suplementarias para actuacións públicas.
De entre o total das solicitudes, sete actuacións terán lugar en edificacións especialmente protexidas, polo que recibirán por este concepto 1.000 euros a maiores cada unha. Por outra banda, hai implicadas nos expedientes de solicitude das axudas 31 empresas das que o 90% son de carácter local. Delas, 21 son de construción (carpinterías, construtoras, empresas de PVC, empresas de aluminio, etc). Outras 10 son estudos de arquitectura, aparelladores e xestorías.
O alcalde, Juan Manuel Rey expresou a súa "enorme satisfacción pola magnífica acollida desta convocatoria" da que afirmou que "superou as nosas mellores expectativas".
"Dende o goberno facemos unha valoración moi positiva da elevada demanda porque estes fondos permitirán continuar avanzando de maneira moi importante na mellora e rexeneración da zona histórica da vila facéndoa aínda máis atractiva para veciñanza e os turistas", engadiu.
Ao mesmo tempo, o rexedor subliñou que "nun momento de crise como o actual, as obras suporán unha inxección económica moi importante para o municipio e contribuirán á creación de emprego".
Relacionadas:
-
Caldas estuda a demanda de vivenda pública para impulsar novas promocións
Por Redacción |
-
A oficina da ARI de Caldas consolídase como unha das máis activas de Galicia
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de solicitude de subvencións para rehabilitar edificios e vivendas na ARI de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Aberta a Oficina Municipal da Área de Rehabilitación Integral (ARI) en Caldas para tramitar as novas axudas
Por Redacción |