Elaboran un Plan Contra Incendios municipal con xestión da limpeza de parcelas
Por Redacción
Desde o Concello de Ponte Caldelas elaborouse un Plan Municipal Contra Incendios, un documento no que se inclúen as parcelas que se atopan afectadas polas franxas secundarias de xestión da biomasa coa intención de establecer unha planificación e xestionar a limpeza e as rozas que se deben realizar nestes terreos. Con estas medidas pretenden evitar que se rexistren incendios en zonas de risco.
A zona de afectación no municipio de Ponte Caldelas son 50 metros sobre os paramentos de vivendas, gasolineiras, parques, instalacións industriais, entre outras. Desta forma, as parcelas que se atopan nesa zona de 50 metros de protección de núcleos e vivendas non pode haber ningún tipo de especie vexetal invasora: eucaliptos, piñeiros, mimosas, acacias negras, toxos ou xestas.
As franxas de xestión de biomasa, segundo o goberno local, exercen a función de protexer aos núcleos de poboación, ademais das infraestruturas, equipamentos ou polígonos industriais. O documento presentarase no pleno deste xoves 19 de novembro para que sexa aprobado provisionalmente.
Tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro electrónico do Concello expoñerase publicamente durante 20 días hábiles para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións ou algunha observación.
Unha vez pasados estes trámites será sometido a votación no pleno coa intención de que sexa aprobado definitivamente.