Cuntis felicita a Clementina Fernández polo seu 104 aniversario
Por Redacción
A veciña de Cuntis Clementina Fernández Casanova soprou este mércores as candeas do seu 104 aniversario e o Concello transmitiulle os parabéns en nome de toda a veciñanza do municipio.
Clementina vive coa súa familia no lugar da Casiña, na parroquia de Arcos de Furcos, e segue desfrutando dunha moi boa saúde e dun humor aínda mellor.
Os 104 anos de vida dan para moitas vivencias e experiencias, entre elas a da pandemia que estamos atravesando, que impediu que nesta ocasión se puidese visitar por parte do Concello a Clementina para felicitarlle en persoa o aniversaro.
Malia isto, a lonxeva veciña non quedou sen agasallo institucional pois o alcalde, Manuel Campos, envioulle un detalle á casa e trasladoulle as súas felicitacións e as de toda a corporación.
"En momentos tan duros como os que estamos a vivir estas celebracións aínda que sexan a distancia son unha alegría especial, que tamén nos dan folgos e nos animan a seguir traballando", afirmou.