Barro volverá a conxelar as taxas e impostos municipais
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Barro conxelará todas as taxas e impostos municipais nos orzamentos para o ano 2021.
Esta é unha decisión que se vén plasmando nas contas municipais desde que o BNG accedeu á alcaldía de Barro, na procura de non aumentar o gasto das familias.
O executivo local do alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes explica que toma esta decisión "para non incrementar a presión fiscal mantendo a prestación de servizos con normalidade, a pesar da redución de transferencias por parte da administración central":
Isto, engade o rexedor, "supón un esforzo económico e o rigor no gasto" que o goberno municipal di ter asumido "co obxectivo de que os veciños e veciñas de Barro poidan desfrutar dos servizos públicos sen ter que pagar máis impostos dos que xa pagaban fai 6 anos".
A única modificación é a referida á da taxa da recollida de lixo que pagan as pequenas empresas, nomeadamente a hostalaría e os comercios que tiveron que pechar por mor da crise sanitaria do coronavirus.
Co obxectivo de axudar a estes sectores o goberno municipal xa lles anunciara nas reunións mantidas con eles que non se lles cobrará a taxa do lixo durante os meses que teñan que estar pechados por causa da pandemia.