A atención psicolóxica, principal demanda da AECC en Marín
Por Redacción
O servizo máis demandado polos usuarios da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Marín está a ser no 2020 o apoio psicolóxico, no que se realizaron 179 intervencións entre xaneiro e outubro.
Así o deu a coñecer o Concello de Marín despois dunha reunión mantida entre a alcaldesa, María Ramallo; a presidenta da Xunta Local de Marín da Asociación Española Contra o Cancro, Emilia Rey Parada; e o coordinador Telmo Crespo Tojeiro.
Os representantes da AECC presentaron á alcaldesa as cifras da actividade desde xaneiro e explicaron que o apoio psicolóxico é un importante compoñente dos coidados que a entidade ofrece ao paciente oncolóxico e aos seus familiares.
A través deste servizo, pacientes e familiares "poden escoitados e comprendidos, ademais de desenvolver recursos que lles permitan facer fronte a novas e complexas situacións que xorden despois do diagnóstico".
Ademais, a AECC de Marín concede diversos tipos de axudas económicas e xestiona programas de alimentos, de préstamo de material (perrucas, camas articuladas, cadeiras de rodas...), de xestión da seguridade social, de inserción laboral e de facilitación de residencias ou pisos de acollida fóra do fogar e desde xaneiro realizáronse 87 actuacións nesta liña.
A nivel telefónico, o voluntariado tamén ofrece un servizo de acompañamento, encamiñado a gozar de momentos de ocio e de apoio tanto a pacientes como a familiares. Este ano xa se realizaron 20 intervencións deste servizo.
A maiores, a AECC de Marín contabiliza 45 intervencións en voluntariado en hospitais e domicilios e 44 actuacións en relación coa rehabilitación integral de persoas con cancro de cabeza e pescozo a través do programa 'Volver a falar'.
A asociación tamén ofrece atención telefónica 24 horas durante todos os días do ano a nivel nacional a través do teléfono InfoCáncer: 900100036
Relacionadas:
-
Un acordo para axudar a pacientes e familiares, petición para o Día Mundial Contra o Cancro
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Perrucas altruístas para facer máis levadío o proceso oncolóxico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cada ano detéctanse en Galicia 940 novos casos de cancro de cabeza e pescozo
Por Redacción |
-
Luces rosas en Pontevedra polo cancro de mama
Por Redacción |
-
RADIO.- "Estamos nunha crise sanitaria mundial sen precedentes, pero o cancro tamén é unha emerxencia sanitaria"
Por Marisa Ciordia |
-
O cribado do cancro de mama alcanza ao 80% da poboación diana de Pontevedra
Por Redacción |