Detectan unha "lixeira diminución" da adherencia nas curvas de Raxó
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realizou nas últimas semanas ensaios de adherencia para comprobar a situación do firme en dous puntos da PO-308 ao seu paso pola localidade de Raxó en Poio. Froito deses estudos, detectouse unga "lixeira diminución da resistencia ao deslizamento" nun punto do vial.
Segundo informou a Xunta de Galicia, trátase dun treito comprendido entre os puntos quilométricos 10,400 e 10,600 da PO-308 no que os técnicos aconsellan unha actuación preventiva. Froito desta recomendación, renovarase a capa de rodadura da estrada.
A actuación realizarase co fin de mellorar a adherencia dos vehículos e consistirá nunha rehabilitación superficial do firme consistente na extensión dun tratamento de material bituminoso.
A Axencia Galega de Infraestruturas sinala que para a correcta extensión da capa de rodadura é necesario que o firme estea seco e que durante a execución dos traballos, unhas tres xornadas, non se deben producir precipitacións, polo que este reforzo non se poderá iniciar ata que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Durante a materialización dos traballos teranse que ir pechando ao tráfico os dous carrís da estrada, pero darase paso alternativo entre os dous carrís de circulación.