Detido un pontevedrés por ameazar de morte e agredir dous compañeiros de piso
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo no serán deste mércores un veciño de Pontevedra de 40 anos que presuntamente acababa de ameazar e agredir a dous dos seus tres compañeiros de piso na avenida da Estación. Os propios policías presenciaron parte dos seus actos violentos e tiveron que intervir para evitar que continuase coa súa actitude.
Segundo puido saber PontevedraViva, o home xa protagonizara esa tarde outros tres incidentes que requiriron a intervención policial, un deles na rúa Rosalía de Castro e outros dous na rúa Pasantería, á beira da praza da Ferrería, un lugar que adoita frecuentar e no que se viu implicado en dúas pelexas na mesma tarde.
No caso da avenida da Estación, os feitos ocorreron ao redor da nove da noite nun edificio da avenida da Estación. A Policía Nacional recibiu unha chamada alertando de que nun piso estaba a producirse o que parecía unha pelexa e dirixíronse cara ao lugar varias dotacións policiais. Á súa chegada, comprobaron que o logo detido atopábase moi agresivo.
Segundo confirmaron fontes policiais, o home presuntamente ameazou aos seus compañeiros de piso cun coitelo que logo foi localizado no salón da vivenda e cunhas tesoiras que os axentes non localizaron. Proferiulles, segundo estas mesmas fontes, ameazas de morte.
Cando os policías chegaron á vivenda e estábanlle identificando, agrediu un dos seus compañeiros. En total xerou lesións aos dous, un home e unha muller. A moza presentaba unha ferida na cabeza pola que sangraba abundantemente, de modo que foi necesario alertar a unha ambulancia do 061 para que lle prestase asistencia médica e logo trasladara a un centro sanitario.
Finalmente, os policías detiveron o agresor como presunto responsable dos delitos de ameazas e agresións e procederon ao seu traslado á Comisaría Provincial.
Ata a avenida da Estación desprazáronse tres patrullas da Policía Nacional e unha ambulancia.