Sen minutos de silencio no 25N da Deputación: "estamos fartas do silencio, imos berrar alto e claro contra o maltrato que sufrimos as mulleres"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra xa quenta motores para a conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres o próximo 25 de novembro e este xoves tivo os dous primeiros actos da que será, tal e como adiantou a presidenta, Carmela Silva, unha programación moi extensa arredor da loita contra todo tipo de violencias machistas baixo o lema 'Emerxencia Feminista. Posiciónate fronte ao machismo'.
Os actos son diversos e unha actividade que non aparecerá na programación serán os minutos de silencio porque, tal e como indicou Silva, "estamos fartas dos minutos de silencio, estamos fartas do silencio, nós imos berrar alto e claro e non imos parar ata conseguir rematar con algo que é intolerable, que é o maltrato que sufrimos as mulleres". O obxectivo final será "que saiban os machistas, os maltratadores, os asasinos de mulleres que os desprezamos profundamente".
Todas as actividades teñen como eixo común un "berro de indignación" fronte ás violencias machistas e cifras como as 41 mulleres asasinadas polo feito de selo este ano en España porque, tal e como defendeu Carmela Silva, "calar é estar ao lado do machismo, así que hai que posicionarse en contra, é a única posición decente". "Estamos cada día máis enfadadas", insistiu.
O acto que abriu a programación deste ano foi a instalación dunha pancarta na fachada do Pazo Provincial. Para despregala, saíron ao balcón Carmela Silva; o vicepresidente provincial, César Mosquera; e varios deputados e deputadas. A continuación, unha comitiva encabezada pola presidenta dirixiuse ás ruínas de San Domingos para presentar a que será a sexta edición do programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'.
A artista Najla Shami puxo este xoves voz e rostro a todas as mulleres da cultura que este ano van facer posible esta sexta edición do programa provincial, que cando remate 2021 vai poder presumir de que nas súas seis edicións deu protagonismo a 150 mulleres do mundo cultural e artístico.
A sexta edición leva por lema 'Emerxencia cultural, urxencia feminista' e organizará 25 accións noutros tantos concellos pontevedreses. A primeira será o propio 25N en na praza da Peregrina de Pontevedra a cargo de Janet Novás, protagonista do cartel do programa e a partir de aí levará pola provincia dúas performances, dúas intervencións murais de gran formato, catro accións de danza contemporánea, sete accións escénicas, seis musicais e dúas accións poéticas.
A pandemia da covid-19 e a necesidade de minimizar os riscos de contaxios obrigou a tomar a decisión de non elaborar o catálogo en papel do programa, que se substitúe por un catálogo dixital coas actividades. Ademais, nas accións que se realicen vanse distribuír 3.600 máscaras de protección deseñadas por tres artistas plásticas e ilustradoras: Laura Romero, Gemma Marqués e Lara Lars . O obxectivo é que esas máscaras sexan tamén "un berro" e demostren que se pode "falar sen dicir palabras".
Ademais, os edificios da Deputación en Vigo e Pontevedra iluminaranse en cor violeta desde a noite deste xoves ata finais de novembro, como unha chamada de atención fronte ao que está acontecendo e no pleno ordinario da Deputación previsto para o vindeiro venres haberá dúas accións centradas no eido educativo e en poñer o foco sobre a influencia da actual pandemia da covid-19 na violencia sobre as mulleres.
A profesora Teresa Domínguez, mestra e ex directora do CRA Clara Torres de Tui, Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona deste 2020, fará unha declaración para reivindicar "importancia da educación na loita contra as discriminación, as violencias e para empoderar ás mulleres e que poidan ocupar os espazos que lles corresponden" á metade da poboación.
Todos os deputados recibirán postais coa imaxe do mural que a artista Nana realizou en Tui co título de 'Queda na casa', que busca chamar a atención sobre a "terrible situación" que viviron as mulleres que sufriron maltrato durante o confinamento, pois "o fogar, que ten que ser un espazo de seguridade, moitas veces se convirte na cárcere máis terrible e moito máis cando tes que estar confinada e non te podes defender do teu agresor que está contigo maltratándote 24 horas".
Durante os vindeiros días, ademais, a Deputación colaborará coa campaña 'En Negro contra as Violencias', á que se sumaron este ano 25 concellos pontevedreses, e repartirá 5.000 carteis e 5.500 marcapáxinas.
Relacionadas:
-
Carmela Silva: "En Madrid un concerto con case 5.000 persoas, e as concentracións das mulleres non?"
Por María José Pita |
-
Cuntis e a Deputación reivindican a "violencia zero"
Por Redacción |
-
O Grove e Sanxenxo, en negro contra as violencias machistas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Vilaboa anima a reflexionar sobre a violencia machista o próximo 25 N
Por Redacción |
-
Os xardíns da Ferrería e a Praza de España tamén berran contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Caldas dirixe a atención da campaña do 25N á poboación estudantil
Por Redacción |
-
Pontevedra 'elevará a súa voz' o 25-N para insistir en que "xa abonda" de minutos de silencio
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'Mulleres en acción. Violencia Zero' leva as súas reivindicacións a Sanxenxo
Por Redacción |
-
'Mulleres en Acción. Violencia Zero' regresa en Marín cun berro contra a violencia machista
Por Redacción |