Marín convoca o Concurso de Decoración de Nadal e anuncia a suspensión do Mercado tradicional
Por Redacción
O Concello de Marín, a través das Concellerías de Comercio, Festas e Cultura, convoca o I Concurso de Decoración do Nadal do municipio co obxectivo de fomentar a participación cidadá e dos establecementos comerciais no embelecemento da vila.
Poderán participar no concurso vivendas unifamiliares, comunidades de propietarios de edificios, hostalería, comercios e negocios que estean ubicados no termo municipal de Marín.
Para poder participar será necesario presentar a solicitude que está dispoñible, co resto das bases, na páxina web do Concello: www.concellodemarin.es.
A decoración deberá estar exposta dende o 11 de decembro de 2020 ata o día 7 de xaneiro de 2021. Os adornos teñen que ser típicos de Nadal e a zona elixida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública.
CATEGORÍAS DO CONCURSO
Establécense tres categorías:
1ª.- COMERCIO. Valorarase en conxunto o mellor escaparate e interior dos establecementos que participen, que deben estar ubicados no termo municipal de Marín. Os obxectos de venda que se atopen nos escaparates poderán ser cambiados durante este período, sempre que non se modifique a decoración do escaparate.
2ª.- HOSTALERÍA. Neste caso, valorarase en conxunto a mellor entrada e interior do establecemento participante, así como os ventanais.
3ª.- VIVENDAS. Dentro desta categoría, poderase participar en tres modalidades:
- Comunidade de veciños dun edificio: Poderán participar todas as comunidades de veciños de Marín que decoren as entradas principais dos seus edificios e que esas decoracións sexan totalmente visibles dende a vía pública.
- Ventás e/ou balcóns dun edificio: Poderá participar toda a veciñanza de Marín que resida nun edificio de Marín e que decore as súas ventás e/ou balcóns de modo que esta decoración sexa totalmente visible dende a vía pública.
- Vivendas unifamiliares: Poderán participar os residentes en calquera vivenda unifamiliar ubicada en Marín que decoren as súas vivendas e/ou xardíns de modo que esta decoración sexa totalmente visible dende a vía pública.
No caso de que neste período as restricións sanitarias volvan afectar ao peche da hostalaría ou de comercios, estas categorías posporanse para facer un concurso noutras datas. Nese contexto, manteríase soamente o concurso nas categorías de "Vivendas".
PREMIOS
En todas as categorías, escolleranse as dúas mellores propostas. Os primeiros premios serán de 300 euros cada un e os segundos, de 200 euros cada un. A maiores, realizarase un sorteo de 100 euros entre todos os participantes, sen contar aos gañadores de cada categoría.
O xurado do concurso estará composto pola alcaldesa do Concello de Marín ou nun delegado que ela designe, por un representante da Concellería de Festas, da de Cultura e da de Comercio, e dous representantes da veciñanza de Marín.
Algúns dos criterios que se valorarán serán que os adornos conteñan motivos alusivos ás festas de Nadal, boa iluminación de tipo LED, orixinalidade e singularidade na proposta e, de xeito especial, valorarase que as decoracións utilicen material reciclado.
SUSPENDIDO O MERCADO DE NADAL
Por outra banda, o Concello informaba este xoves de que se suspende o Mercado de Nadal que estaba previsto, dada a situación sanitaria na que se atopa o Concello e tendo en conta as medidas restritivas ás que teñen que acollerse este tipo de actividades.
Relacionadas:
-
Marín fai balance da actividade da Biblioteca Pública e entrega os premios de decoración de Nadal
Por Redacción |
-
Marín selecciona os gañadores do seu concurso de decoración de Nadal
Por Redacción |
-
O Nadal xa é visible nas rúas de Marín
Por Redacción |
-
O Concello sorteará 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros para gastar nos comercios e locais de Marín
Por Redacción |
-
Luces, concursos e un vídeo para crear ambiente de Nadal e incentivar o consumo en Marín
Por Redacción |
-
Sumar "likes" en Instagram ten premio no concello de Marín
Por Redacción |