Condenado un empresario que dixo a unha empregada de 17 anos que "a quería para el" e deulle unha palmada no cu
Por Natalia Puga
Un empresario pontevedrés foi condenado ao pago dunha multa de 3.240 euros por un delito de abuso sexual polo seu comportamento na sede da súa empresa cunha empregada de 17 anos que no momento dos feitos traballaba para el: díxolle expresións indebidas e deulle unha palmada no traseiro.
Unha sentenza do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra agora confirmada pola sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra considera probado que fixo esta acción "coa intención de satisfacer os seus impulsos sexuais" e "sen que mediase consentimento" da vítima.
Os feitos ocorreron, segundo recolle a sentenza, sobre as 9.00 horas da mañá do 7 de maio de 2018 e, antes de darlle a palmada, o empresario xa lle dixera "que era atractiva" e "que a quería para el".
Ante estes feitos, o fallo da Audiencia conclúe que o acusado realizou un "contacto corporal non consentido coa rapaza cun ben nidio significado sexual" que tamén quedou demostrado polas "previas e inmediatas expresións que lle dirixiu", con independencia de que se tratase dun tocamento fugaz, puntual ou rápido.
A sentenza imponlle o pago dunha multa de 18 meses a razón de seis euros diarios (eses 3.240 euros) e, a pesar de que o condenado presentou un recurso, a Audiencia desestimouno e confirmou os feitos e a sentencia de primeira instancia ao considerar que a existencia de probas de cargo contra el "resulta indiscutible".
Segundo recolle a sentenza da Audiencia, á hora de condenalo existe na contra do acusado a declaración da vítima, Ana e tamén a de varias testemuñas, entre elas, o mozo que era parella da acosada e a quen ela xa lle comentara "certas miradas e xestos que lle facía o acusado".
Ademais, declarou a nai da vítima, que a acompañou a presentar denuncia; e dous compañeiros de traballo da denunciante e empregados do empresario. Un deles recoñeceu como posible que o día dos feitos ela efectivamente estivese a traballar fóra da nave e el e os demais dentro.
O tribunal da Audiencia Provincial destaca que, á hora de ditar a primeira sentenza, a maxistrada do Penal pontevedrés destacou que a declaración da vítima resultou "persistente na incriminación" e "con ausencia de posibles móbiles espurios en función das relacións anteriores -inexistentes-" co seu xefe.
Así, segundo destaca o tribunal, a rapaza foi "ben nidia, contundente e persistente" no seu testemuño incriminatorio. Relatou que o agora condenado pediulle que saíse do interior da nave onde estaba a traballar para el, "empezou a dicirlle que era atractiva, que tiña un bo corpo e un bo cu, e que a quería para el, e deulle coa palma da man no cu".