Os contaxios non dan tregua á área sanitaria: 83 novos positivos e seis hospitalizados máis nun día
Por Natalia Puga
Nin as restricións activas en varios municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde hai semanas nin os peches perimetral e da hostalería aplicados a outras localidades desde finais de outubro lograron frear os contaxios de covid-19. Este venres volvéronse a confirmar 83 novos positivos e rexistrouse un novo incremento de hospitalizacións: seis máis que o xoves a pesar de que faleceu unha paciente ingresada.
Segundo o último balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, na última xornada déronse un número elevado de altas, un total de 98 pacientes, de modo que, a pesar dos 83 novos contaxios, descendeu lixeiramente a cantidade de casos activos nestes momentos.
En concreto, hai este venres 1.235 casos activos na área sanitaria, 15 menos que o xoves. Deles, 1.167 están en corentena nos seus domicilios e o resto, hospitalizados.
Nos hospitais da área sanitaria hai este venres 68 pacientes fronte aos 62 do xoves. Deles, seis están na na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, dous menos que o xoves, e 62 ingresados en planta de hospitalización.
Un total de 53 pacientes están en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 3 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 6 no Hospital do Salnés. Chama a atención o incremento da cifra de Montecelo, pois hai xusto dez pacientes máis en planta nunha xornada.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 3.566 pacientes, 98 na última xornada, e faleceron na área sanitaria 45 pacientes, a última, unha muller de 96 anos que estaba ingresada en Montecelo e presentaba patoloxías previas-.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 1.155, que elevan a 82.404 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
A nivel autonómico hai este venres un total de 9.086 pacientes coa infección activa tras confirmarse nas últimas 24 horas 685 novos positivos en probas PCR. Deles, 97 están en unidades UCI dos hospitais galegos e 472 ingresados en planta de hospitalización.
Ata o de agora curáronse en Galicia 37.910 pacientes e faleceron 1.119, elevándose o total de pacientes que se contaxiaron desde o inicio da pandemia a 48.113.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 realizáronse na comunidade 833.778 probas PCR e 415.213 serolóxicas.
Relacionadas:
-
87 novos casos positivos na área sanitaria Pontevedra - O Salnés durante as últimas 24 horas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O falecemento de dous homes por covid-19 sitúa en 47 o número de vítimas mortais na área sanitaria
Por Redacción |
-
Unha muller de 96 anos eleva a 45 o número de vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción |