Eliminan dous puntos de vertido de augas fecais que chegaban ao río Lérez procedentes dunha vivenda
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de certificar a eliminación de dous puntos de vertido de augas residuais que afectaban ao río Lérez ao seu paso por Pontevedra e que puxeran en coñecemento do Concello para a súa solución.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia detectaron as verteduras na rede fluvial no transcurso das inspeccións periódicas realizadas. Tratábase de dous puntos conflitivos situados un na intersección entre a rúa Monteleón e a avenida das Corbaceiras e outro na avenida de Bos Aires.
O persoal da Xunta tomou mostras dos caudais e detectaron contaminación fecal, de modo que notificaron a situación ao Concello de Pontevedra e solicitaron que se adoptaran medidas para solucionar estas carencias.
Recentemente, os técnicos do Plan de Control de Vertidos realizaron unha nova comprobación das zonas afectadas e verificaron que xa non había vertedura.
Segundo informou a Xunta a través dun comunicado, a orixe era unha acometida irregular dun inmoble cara á rede de pluviais que se corrixiu.