Por primeira vez o Centro de Información á Muller abre as súas portas aos homes
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, presentou este xoves a programación ata decembro do Centro de Información á Muller (CIM) que en liñas xerais ten un contido continuísta salvo a novidade de que algunhas actividades se abren por primeira vez á participación dos homes.
"Non parece axeitado manter o cen por cen das actividades dirixidas só a mulleres. Hai que dar unha oportunidade a que os homes acudan en pé de igualdade", dixo a edil nacionalista consciente de que vai ser difícil "no caso de que se apunte un home informaremos de contado", chanceou.
"As mulleres necesitamos un reforzo especial para evitar unha inercia de séculos"
A programación do CIM responde a unha idea fundamental que explicou Fouces "as mulleres necesitamos un reforzo especial para evitar unha inercia de séculos". Neste sentido elaborouse un calendario de actividades en torno a tres bloques diferenciados, de ocio, sobre a informática e orientadas á busca de emprego.
Así encontramos os clásicos cursos de Yoga (perfeccionamento e iniciación), Arte Terepia (cos alumnos de Belas Artes) e os dous cursos abertos á participación masculina: Arranxos de costura e reciclaxe e Iniciación ao teatro.
A inscrición para estes cursos farase no CIM ou mediante correo electrónico igualdade@pontevedra.eu