Cores Tourís, novo presidente do porto de Vilagarcía
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Xosé Manuel Cores Tourís, ex alcalde de Cambados e ex delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, será o novo presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa.
Así o anunciou este venres o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta, na que se acordou o nomeamento en substitución de Sagrario Franco.
De Cores Tourís Feijóo destacou a súa etapa como delegado territorial da Xunta en Pontevedra durante 11 anos e que na actualidade é deputado do PP no Parlamento de Galicia. Tras anunciar o seu nomeamento, desexoulle "sorte" nesta nova etapa.
Cores Tourís (Cambados, 1958), foi director xerente da cooperativa Horsal e vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas dende o ano 1985.
A súa traxectoria política comezou en 1987 como concelleiro no Concello de Cambados, cargo que mantivo ata 1995, cando foi nomeado tenente de alcalde. Despois das eleccións municipais de 1999 converteuse no alcalde desta localidade e foi reelixido dous mandatos máis, en 2003 e 2007.
En 2009 abandonou a Alcaldía despois dunha década para converterse en delegado territorial da Xunta en Pontevedra do primeiro goberno de Núñez Feijóo. Mantívose nesta posto ata hai escasos meses, cando, despois das eleccións autonómicas de 2020, Luisa Piñeiro foi nomeada para ese cargo.
Pp de Vilagarcía
Ás felicitacións sumábase tamén o PP de Vilagarcía, ofrecendo "todo o noso apoio e axuda para o que necesite nesta andaina”. Engaden que Cores Tourís "comeza unha nova etapa na que terá grandes retos por diante e estamos seguros de que a Autoridade Portuaria seguirá sendo un motor para o crecemento e desenvolvemento desta cidade, e por extensión de toda a comarca”.
Agradecen tamén a Sagrario Franco a xestión que comandou nos últimos anos: "no seu legado quedan os continuos récords que se foron batendo ano tras ano a Autoridade Portuaria".
O político cambadés tambén foi senador pola provincia de Pontevedra desde o ano 2000 ata que en 2009, coa chegada á delegación pontevedresa da Xunta, presentou a súa renuncia. Foi elixido deputado do Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2012, e renunciou para volver ocupar o cargo de delegado territorial da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
O porto de Vilagarcía pecha xullo cun aumento do tráfico de mercadorías xerais do 40% con respecto a 2020
Por Redacción |
-
Ter un porto máis operativo, reto marcado por Feijóo a Cores Tourís ao tomar posesión da presidencia da Autoridade Portuaria de Vilagarcía
Por Redacción |
-
VIDEO.- Luisa Piñeiro toma posesión coma nova delegada da Xunta en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Luisa Piñeiro, actual alcaldesa de Moraña, substituirá a Cores Tourís como delegada da Xunta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |