Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Tenso e bronco debate o vivido este venres 20 na Deputación de Pontevedra. Fóra do Pazo Provincial concentrábanse en protesta traballadores da institución, convocados por CC. OO., mentres no interior o debate entre Carlos Font, deputado de Economía e César Mosquera, vicepresidente da Deputación co portavoz da oposición Jorge Cubela finalizou co abandono dos deputados populares do salón plenario antes de que votasen o orzamento provincial para o próximo 2021, que se aprobou co apoio dos deputados do goberno bipartito PSOE-BNG.
Os populares presentaran unha emenda á totalidade que foi cualificada por Font como un "refrito breve e acelerado", que non contemplaba un orzamento alternativo. O portavoz do grupo socialista defendía os 164 millóns e euros, aos que se sumarán 20 millóns de remanentes e fondos europeos. Acusou aos populares de utilizar falsidades durante a súa última rolda de prensa cando dicían que neste orzamento se incrementaban os soldos das dedicacións exclusivas.
Pola súa banda, César Mosquera, portavoz do BNG, tamén defendía o documento presentado para indicar que se incrementa o diñeiro destinado aos Concellos e manifestou que "o PP leu os orzamentos cun ollo cheo de sangue" e acusou os populares de ter unha especial "enquina cos medios de comunicación e coa xente que vive da comunicación" ao pedir que se retiren a partida destinada a promoción. O vicepresidente provincial alegou que as empresas deste sector "están todos en ERTEs e en crise e vostedes queren que colaboremos e arruinemos aos medios de comunicación". Despois tamén atacou á bancada popular lembrándolles que estiveran encantados cando aprobaron a subida en xullo de 2019, "non se acordan?" ironizou Mosquera ao arremeter contra os populares por romper un acordo previo "hai que telos cadrados ou piramidais!", sentenciou.
Na súa intervención, o portavoz popular Jorge Cubela queixouse da escasa marxe que se lles ofreceu para analizar o documento do orzamento: "unha fin de semana", afirmou. E culpou ao bipartito de falta de diálogo e de consenso, ademais de elaborar uns orzamentos a fume de carozo e de carácter continuista. Manifestou que o PP defende o municipalismo e culpou ao goberno que lidera Carmela Silva de non reunirse cos alcaldes e ver as necesidades que teñen para enfrontarse á crise derivada da covid-19. Pediu que aumenten 7 millóns os investimentos destinados aos municipios e unha partida de 10 millóns para os autónomos en lugar de destinar o diñeiro a "propaganda".
Na réplica, Carlos Font volveu criticar a emenda popular sinalando que "o que presentaron non cadra ingresos con gastos". Insistiu en que co goberno anterior, do PP, na Deputación só destinábanse 22 millóns aos Concellos e agora o investimento triplicouse. Lembrou a Cubela que se creou unha liña específica pola covid. Sobre o diñeiro que se inviste en publicidade institucional, o deputado de Economía preguntou aos populares se estaban en contra das campañas para fomentar o xoguete inclusivo e contra a violencia machista.
Mosquera incidiu despois en que Jorge Cubela non citara "nada do que dixo na prensa facendo un expolio moi feo. Igual era mellor recoñecelo e disculparse dicindo que o miraron co ollo cheo de sangue". A continuación defendeu os orzamentos sinalando que fai tres ou catro meses " nin nos mellores sonos pensabamos en elaborar este documento".
Pola súa banda, Cubela na súa segunda intervención defendeu a xestión da Xunta de Galicia á hora de contactar coa cidadanía e puxo de exemplo o plan destinado a axudar ás comunidades de augas. E volveu lamentar que o bipartito non puidese levar un orzamento "equilibrado para facer fronte á situación actual" e subliñou a falta de diálogo e transparencia.
Na última quenda, Carlos Font ante as palabras de Cubela convidou o portavoz popular a trasladar a Alfonso Rueda, presidente provincial do PP, o reto de que "o día que queira que falemos de salarios, de sobres, de corrupción e do que queira, que o diga. Estamos dispostos a falar".
Esta acusación provocou o balbordo entre os deputados do PP que pediron a quenda de réplica. A presidenta Carmela Silva negoullo e chamou ata en dúas ocasións á orde a Jorge Cubela, que insistía en querer falar ao que a máxima dirixente da provincia espetoulle: "Señor Cubela, espero que vostede non veña aquí a facer o mesmo que o deputado de Vox en Andalucía. Isto o dirixo eu". A continuación, os deputados populares levantáronse e abandonaron o pleno diante da mirada de Silva que expresaba "Xa temos numerito. Están non seu dereito". Á saída, Cubela manifestaba que se vía sorprendido pola "violencia verbal e o ton provocador" do portavoz socialista.
Ante a ausencia dos populares, o orzamento foi aprobado con 16 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención.
Segundo o goberno provincial, o orzamento que ascende a 164,5 millóns de euros consolida o liderado da Deputación de Pontevedra como a administración provincial que máis fondos transfire aos concellos. Indican, ademais, que supoñen un crecemento dun 2,2% sobre os orzamentos deste ano e sitúan a débeda provincial en 0,9 millóns de euros.
Relacionadas:
-
O Goberno provincial e o PP escenifican a súa división no pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
División no pleno da Deputación polas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Campaña "informativa" de CC.OO. para denunciar a xestión do persoal por parte da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O goberno da Deputación ameaza con sacar os trapos sucios do secretario comarcal de CC.OO. tras montar unha nova protesta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Deputación non aplicará na corporación provincial a suba salarial do 0,9%
Por Redacción |
-
O PP cualifica de "inmoral e indigno" o aumento de soldos e dedicacións exclusivas na Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
A Deputación aproba investimentos por un total de 8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aprobará o 20 de novembro un orzamento de 164,5 millóns de euros para "transformar a provincia"
Por Natalia Puga |