Negan que haxa fraude e prevaricación no caso que senta a Louzán e Luisa Piñeiro ante a xustiza
Por Alejandro Espiño
Nas obras do campo de fútbol de Moraña non houbo irregularidades. Así o aseguraron os oito implicados na presunta trama de fraude e prevaricación que sentou no banco do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, entre outros, ao ex presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a actual delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro.
O fiscal aseguraba que sobre a licitación orixinal, adxudicada á empresa Eiriña por un millón de euros, ideouse un "sistema artificioso e en fraude de lei" para abonar á construtora uns 86.000 euros por un presunto sobrecusto relativo a unhas obras executadas e non contratadas.
Para iso, reitera a acusación, organizouse unha segunda adxudicación á que se convidou a outras dúas empresas como "mero trámite" e que foi adxudicada de novo a Eiriña, mediante unha partida de libre disposición do presidente provincial por esa mesma cantidade reclamada.
O empresario Enrique Alonso Pais, dono de Eiriña, asegurou que non consensuou "con ninguén" a licitación destas obras nin acordou que terceiras compañías presentasen "presupostos de compromiso" para darlle legalidade a esta contratación irregular.
"Pagáronme a obra e non houbo ningún tipo de problema", dixo Alonso Pais, que a pesar de recoñecer que mantiña unha relación "cordial" con Louzán, negou que urdieran esta trama para compensar as perdas que acumulaba a súa construtora.
Na mesma liña manifestouse o entón director xeral de Eiriña, Jaime Alvariñas, que defendeu que as obras se executaron "correctamente" e foron contratadas a través dun proceso no que concursaron "moitas empresas".
Durante este tipo de traballos, engadiu, "hai cousas que pasan, imprevistos", polo que se modificou o proxecto para engadir "cambios" solicitados, entre outros, polo presidente do club de fútbol e pola alcaldesa de Moraña, "e cobrouse todo" sen amaños ou acordos "de ningún tipo".
O entón director de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Manuel Juanatey, defendeu a legalidade da tramitación dos dous contratos de obras e, con respecto ao modificado, afirmou que se licitou ante as "necesidades detectadas" para mellorar o campo.
Rafael Louzán xa non declarou ante o tribunal porque o seu avogado, ao único ao que ía responder, renunciou ao seu testemuño. Explicou que todas as preguntas que lle ía a facer xa foran respondidas polos responsables de Eiriña e polos técnicos da Deputación.
Luisa Piñeiro, pola súa banda, reiterou que a contratación, a adxudicación e o pago destas obras foi xestionada "totalmente" polo goberno provincial e garantiu que Eiriña "nunca" lle reclamou que lle abonasen "certas cantidades" de diñeiro polos supostos sobrecustos.
"Nós pedimos unha subvención e fixéronnos un campo de fútbol", concluíu.
Os avogados dos acusados pediron, entre outras cuestións formais, a nulidade da instrución ao entender que o xulgado de primeira instancia de número 7 de Vigo, que dirixía a Operación Patos, carece de "competencia territorial" para investigar estes feitos e que se fixo unha instrución "prospectiva" sen abrirse por un delito en concreto.
Ademais, reclamaron a nulidade das escoitas telefónicas realizadas -xa avaladas no seu día pola Audiencia de Pontevedra- e as súas transcricións ao entender que son "totalmente ilegais", xa que se autorizaron seis meses antes de iniciarse esta investigación e non se custodiaron de maneira adecuada; e advertiron que se vulnerou o dereito de defensa.
O avogado de Luisa Piñeiro, pola súa banda, solicitou que se retiren os cargos de fraude contra ela, tras alegar que, en todo caso, estes están prescritos. Lembrou que a investigación sobre a ex alcaldesa de Moraña iniciouse en 2019, polo que pasaron máis de cinco anos desde as obras investigadas, cuxo expediente se remonta a 2011.
Sobre estas cuestións, ás que se opuxo o fiscal, decidirá a xuíza en sentenza.
Relacionadas:
-
Recorren ante a Audiencia Provincial a condena de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga |
-
Louzán anuncia que recorrerá a sentenza e alega que non hai probas que amosen a súa participación nos feitos
Por Redacción |
-
O BNG pide responsabilidades a Feijóo e o PSOE esixe o cese fulminante da delegada da Xunta tras a condena
Por Anxo Lourido |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O ano no que Rafael Louzán, Luisa Piñeiro e Audasa pasaron polo xulgado
Por Natalia Puga |
-
Rafael Louzán, novo presidente da Comisión de Terceira División da Federación Española de Fútbol
Por Redacción |
-
Louzán e Luisa Piñeiro sentan no banco dos acusados confiados en que "quedará en nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, a xuízo o venres por prevaricación e fraude polas obras do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga |