Alumeado en máis de 80 rúas, unha campá, bolas e mantos de luz darán vida ao Nadal de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra empeza a respirar Nadal. A Concellaría de Festas iniciou nestes días a colocación do alumeado festivo en distintas rúas da cidade e este mesmo venres empezaron a verse os novos elementos nunha das súas vías máis céntricas, Michelena. Son os primeiros pasos para decorar a cidade e enchela de ambiente festivo nun ano no que haberá máis alumeado ca nunca.
O Concello prevé que a nova iluminación poida poñerse en marcha o venres 4 de decembro e axude a encher de ambiente festivo a cidade nun ano no que non haberá actos nas rúas e se evitarán as aglomeracións. A propia concelleira de Festas, Carme da Silva, insistiu en que dado que a cidade vive momentos tristes pola pandemia da covid-19 quere que a iluminación de Nadal, ao igual que todos os anos, "mellore o ánimo" da poboación.
Desta maneira, redobráronse esforzos e este ano haberá arcos, farois, arborado e elementos decorativos de Nadal en 81 rúas e prazas da cidade, chegando a zonas nas que ata o de agora non dispoñían de ningún destes elementos.
Unha das grandes novidades desta edición será a iluminación da gran árbore que preside a entrada á Alameda, situada á esquerda da estatua dos Heroes de Ponte Sampaio, pero tamén haberá outros elementos novidosos como a instalación dunha campá de grandes dimensións na praza de Barcelos ou a colocación de dúas bolas de Nadal máis ás habituais: unha na praza do Hospital e outra no barrio de Monte Porreiro.
Ademias, haberá unha árbore de Nadal no barrio da Parda, as prazas da Leña e de Méndez Núñez terán un manto de luz e haberá oito paneis de felicitación de festas nas entradas á cidade.
Non faltarán os elementos xa habituais, como unha árbore artificial da Ferraría de 20 metros, a iluminación das camelias da praza de Ourense, unha árbore artificial de 10 metros na praza de Méndez Núñez e a iluminación do Teatro Principal, do Pazo da Cultura, da Casa Consistorial e do edificio administrativo do Concello, Michelena, 30.
Este ano volverán estar iluminadas as árbores da praza de San Xosé e a árbore do cruzamento das rúas Uxío Novoneira, Eduardo Pondal, Gorgullón e Xermán Adrio Sobrino e volverá haber bolas xigantes de Nadal na praza da Audiencia e Daniel de la Sota.
Este venres xa se podía ver instalada toda a iluminación do centro histórico, para a cal a concellaría conta coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental; e a de rúas como Josefina Arruti ou María Victoria Moreno.
A instalación do alumeado adxudicouse á empresa Porgesa, responsable xa das luces do último Nadal e que tamén decorará as rúas durante o Entroido 2021, por 133.100 euros.
Relacionadas:
-
Pontevedra encenderá a iluminación de Nadal o próximo venres 4 de decembro
Por Alejandro Espiño |
-
Un aplauso para a estrela da árbore de Nadal da Ferrería, que achega un pouco máis as festas
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Ponte Xogos do Nadal chegará por primeira vez a barrios e parroquias
Por Alejandro Espiño |
-
As rúas de Pontevedra comezan a engalanarse para o Nadal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Empresas de Tui e Puente Genil (Córdoba) optan a iluminar o Nadal pontevedrés
Por Alejandro Espiño |