Con da Romaíña, un roteiro que demostra que a beleza de Sanxenxo non está só na súa costa
Por Redacción
O Goberno Local de Sanxenxo trata de recuperar zonas de alto valor paisaxístico e patrimonial para o esparexemento da veciñanza e ampliar a oferta lúdica da tempada baixa. A próxima fin de semana celebrarase en Sanxenxo o I ciclocrós Con da Romaíña, proba puntuable da Copa Galicia desta disciplina deportiva.
Hai veciños, pero sobre todo visitantes que non coñecen o Con da Romaíña, a súa lenda e o alto valor etnolóxico, razón pola que forma parte do catálogo do patrimonio arqueolóxico de Sanxenxo.
No lugar de O Santo, na parroquia de Nantes, e no medio dun monte de piñeiros e carballos hai dous grandes bloques graníticos, separados por escasos metros, que conforman un abrigo natural.
No Neolítico o Con da Romaíña foi unha área de asentamento dos primeiros poboadores de Sanxenxo.
Na parte superior dun dos bloques hai varias insculturas (tallados na pedra), unha en forma de cruz e dúas pequenas cavidades que seguramente servían de cazoletas para a preparación de alimentos.
Pero quizais o máis atractivo de Con da Romaíña é a lenda de Manoliño "O Currucato" un home moi valente que foi retado por un vello que lle cominou a permanecer alí un día de lúa chea ata que as campás tocasen as doce da noite. Manoliño non dubido en facelo, alí estaba cando chegou a medianoite e abriuse unha porta na pedra pola que saíu unha "moura" que lle falou dun tesouro e conduciulle ata o mesmo. Cando se dispoñía a collelo a muller converteuse nunha gran serpe que se abalanzou sobre el, pero o Currutaco soubo defenderse, colléndoa polo pescozo ata que logrou estrangulala. Cansado pola pelexa aínda conseguiu facerse co tesouro e subir as escaleiras, pero atopouse a porta pechada e acabou morrendo atrapado no interior destas pedras onde permanece o tesouro.
A un quilómetro de distancia do Con da Romaíña, pero xa na parroquia de Padriñán, hai outra gran mole granítica de máis de 10 metros de altura, coñecida como Con da Aventureira, que no pasado servía de orientación aos mariñeiros pois se divisaba desde a ría e onde os veciños van a merendar cada luns de Pascua. A 800 metros de distancia está o monte de Chan de Gorita que alberga un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do Concello xunto co de Monte Faro. Esta zona xa forma parte do roteiro de sendeirismo dos carballos entre Aldariz e Bordóns.
O goberno de Sanxenxo está a habilitar unha gran área recreativa na zona verde comprendida entre O Santo e o parque empresarial onde se atopa o Con da Romaíña. A concellería de medio ambiente está a sinalizar itinerarios de peóns e ciclistas, colocando bancos e mesas de granito e proximamente paneis informativos que describan o valor arqueolóxico e a lenda do Con da Romaíña. Estas melloras foron posible grazas á colaboración da Xunta a través de Turismo de Galicia no marco do convenio do plan de actuación integral turística.
Relacionadas:
-
O Con da Ventureira, o da Romaíña, A Lanzada e o Chan da Gorita terán paneis interpretativos
Por Redacción |
-
Sanxenxo repoboará o Con da Romaíña con árbores autóctonas
Por Redacción |
-
Sanxenxo márcase como obxectivo para 2021 potenciar as súas rutas de sendeirismo
Por Redacción |
-
Devolven a corda roubada na senda peonil do Con da Romaíña
Por Redacción |
-
A segunda etapa da Copa Galicia de Ciclocrós inaugura o circuíto sanxenxino de Nantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo estreará o seu circuíto de ciclocrós o día 28 cunha proba da Copa Galicia
Por Redacción |