Piden nove anos e medio de cárcere a unha pontevedresa por estafar e roubar a unha muller á que coidaba
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes 24 de novembro un xuízo polos delitos continuados de estafa e roubo con forza, coa agravante de abuso de confianza.
A Fiscalía solicita nove anos e medio de cárcere para unha acusada de estafar e roubar na vivenda dunha muller á que coidara. O caso procede do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
A acusada, coas iniciais R. P. F., traballou con contrato desde xuño do ano 2017 ata o mes de abril de 2018 nunha casa de Pontevedra realizando labores do fogar (limpeza e cociña) así como atender o coidado persoal dunha señora que ten moitos problemas de saúde e moi graves dificultades de mobilidade, polo que debe desprazarse necesariamente en cadeira de rodas, e é dependente para moitas tarefas básicas da vida diaria.
Para realizar os seus quefaceres a acusada dispoñía dunhas chaves da vivenda e tiña acceso a todas as dependencias da casa.
En moitas ocasións tamén acompañaba á señora fóra do fogar cando esta ía realizar xestións bancarias ou lle axudaba a realizalas persoalmente polo que, debido á boa relación entre elas e á confianza que a señora lle profesaba, esta facilitoulle, para eses labores, á acusada o PIN da súa tarxeta de Caixa Geral e as claves de acceso á súa banca en liña da entidade Abanca.
Ademais a acusada coñecía que no salón estaba encaixada unha caixa forte na que estaban gardadas as xoias e cousas de valor e que a chave sempre estaba gardada no bolso de man, que se deixaba no dormitorio principal.
Desde que finalizou o seu traballo no mes de abril de 2018 e ata setembro de 2018 a acusada, dada esa boa relación, seguiu visitando regularmente á señora na súa casa coa escusa de levarlle comida ou de ver como se atopaba.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, ao deixar de traballar na casa a acusada devolveu unhas chaves do domicilio, pero "obrando sen o consentimento" da señora quedou cunha copia das mesmas e "decidiu obter un ilícito beneficio á conta do patrimonio" da muller que coidaba.
Para iso, "aproveitándose das graves dificultades físicas da señora, da familiaridade e apego coa mesma", e como esta muller era unha persoa de costumes fixos, "coñecía os seus horarios de paseos de mañá e tarde", entrou na vivenda "faltando a todo vínculo de lealdade e fidelidade que polas circunstancias xa sinaladas éralle esixible, sen contar en ningún momento co coñecemento e consentimento da señora".
O Ministerio Público relata no seu escrito que entre o 13 de febreiro e o 10 de abril de 2018 a acusada realizou 23 transferencias de diñeiro mediante banca en liña desde a conta da señora a outra da súa titularidade por un total de 8.720 euros. Con posterioridade transferiu uns 1.700 euros máis.
Ademais "valéndose da chave da caixa forte" apoderouse das numerosas xoias e outros obxectos de valor que estaban depositados na mesma.
Cando meses despois a señora deuse conta de que non tiña a chave da caixa forte procedeu a abrila con outra chave que lle gardaba un amigo e foi entón cando "comprobou que do interior faltaba case todo o seu contido".
Deixou nunha situación económica moi delicada e precaria á señora
Despois de facerse coas devanditas xoias e obxectos a acusada, segundo a Fiscalía, procedeu á venda de moitos deles en dous establecementos de compravenda de Pontevedra.
En ambos aparecen rexistradas 9 vendas. En total cobrou polas xoias vendidas 6.763 euros. As mesmas non puideron recuperarse porque xa foran fundidas. A prexudicada non puido achegar facturas do valor das xoias xa descritas debido á antigüidade das mesmas; o perito xudicial valorounas en 13.754 euros.
Non queda todo aquí, a señora tamén era titular dunha conta bancaria na que lle ingresaban mensualmente unha pensión de 553 euros e na que tiña domiciliado os recibos de telefónica e doutros gastos menores. Desta conta a acusada fixo unhas 60 retiradas de diñeiro (de media cada unha destas extraccións era de 400 euros)
A acusada R. P. F. coa comisión de todos estes feitos, baleirando as contas bancarias e vendendo os seus obxectos de valor, deixou nunha situación económica moi delicada e precaria á señora, que tiña o diñeiro aforrado e o valor das xoias destinados a pagarse o custo da atención e axuda de terceiras persoas que necesita imperiosamente para a gran maioría de actos da súa vida, incluídos os máis básicos de hixiene e físicos.
A señora non recuperou nada, nin diñeiro nin xoias.
A señora non recuperou nada, nin diñeiro nin xoias.
A Fiscalía, ademais das penas de prisión pide que, en concepto de responsabilidade civil, a acusada indemnice á señora na cantidade de 10.450 euros polo diñeiro obtido a través das transferencias fraudulentas, outros 16.505 euros polo valor das xoias subtraídas, vendidas e non recuperadas e 23.000 euros polo diñeiro retirado da conta. A isto sumaranse todas aquelas cantidades que se acrediten no acto do xuízo por todos os danos e prexuízos sufridos.