A Policía Local de Marín controla o cumprimento das restricións con axentes "de paisano"
Por Redacción
A Policía Local de Marín está a realizar controis do cumprimento das medidas hixiénico sanitarias con policías non uniformados, o que popularmente se coñece como actuacións "de paisano".
Desde a Comisaría informaron o goberno local de Marín que esta fórmula serve para conseguir un maior efecto sorpresa que, co uniforme, non se logra. O corpo de seguridade apunta a que hai unha relaxación por parte da cidadanía en circunstancias relacionadas coas reunións de non conviventes no espazo público.
Tamén se están realizando comprobacións nas contornas dos espazos de hostalería. Estas accións pretenden controlar que se recolla no local as consumicións e que, a continuación, non se consuman na entrada do local, unha acción que se atopa prohibida.
Dentro do balance que realizan desde a Policía Local de Marín sinalan que se está exercendo unha presión específica no cumprimento do uso obrigatorio da máscara na vía pública e en zonas comúns. Tamén se realizan controis na ocupación de vehículos por persoas non conviventes e na prohibición das reunións con xente que non forme parte da unidade de convivencia.
Ademais, desde o Concello de Marín anuncian que os axentes reforzarán este labor de control e inspección nos próximos días para tentar controlar a expansión da pandemia no municipio. Este sábado, en Marín contabilízanse 91 casos activos por covid-19, un máis que durante o venres.
Relacionadas:
-
51 novos positivos confirmados por PCR na área sanitaria, que se sitúa en 4.985 personas contaxiadas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Policía Autonómica identifica 277 persoas en 31 dispositivos de control das normas anti covid-19 na provincia
Por Redacción |
-
Controis (e primeiros atascos) no peche perimetral de Pontevedra, Marín e Poio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |