Pechan ao tráfico a estrada PO-225 pola última fase das obras da senda peonil entre Alba e San Caetano
Por Redacción
Desde este luns ata o vindeiro martes 1 de decembro pecharase ao tráfico a estrada PO-225 para que se acometan os traballos da última fase da nova senda peonil que conecta Alba con San Caetano.
A intención da Consellería de Infraestruturas é finalizar esta obra antes de que finalice 2021. Con este peche, os operarios poderán realizar o hormigonado da vía na zona da ponte e instalar a pasarela proxectada nese punto.
Desde o martes 1 de decembro ata o venres 4 de decembro está previsto que o tramo volva á situación actual, con tráfico restrinxido para que os residentes poidan acceder ás súas vivendas. O venres 4 abriríase xa a circulación para todos os vehículos. Desde ese día ata que conclúan as obras definitivamente cortaríase eventualmente o tráfico cando se aplique o aglomerado e cando se coloquen os báculos de iluminación. Esas obras finais dependerán das condicións meteorolóxicas para a súa execución.
A Consellería de Infraestruturas iniciaba estas obras en xullo cun investimento de preto de 700.000 euros. A creación da senda peonil responde á demanda dos residentes para favorecer a mobilidade dos condutores que van á zona industrial e da veciñanza e dos peregrinos que percorren este tramo do Camiño Portugués a Santiago.
Este paseo conta cunha lonxitude de máis de 700 metros pola marxe esquerda da estrada e preto de 600 metros continuos pola dereita. Créase unha franxa axardinada naquelas zonas onde é posible para separar a estrada da senda.
Na zona do río está prevista a instalación dunha pasarela peonil de material metálico cunha extensión superior a 13 metros, ademais redeseñarase unha curva e reordenarase a intersección. A obra está cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020.
Relacionadas:
-
Alba estrea a súa senda para peóns e peregrinos na zona de San Caetano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Avanzan as obras de construción da senda peonil entre Alba e San Caetano
Por Redacción |
-
As obras da nova senda de Alba a San Caetano obrigan a pechar a estrada PO-225 a partir do mércores 12
Por Redacción |
-
Inician os traballos de construción da senda peonil na PO-225 entre Alba e San Caetano
Por Redacción |