Máis de 300.000 euros para mellorar o acceso ao núcleo de Mosteiro en Meis
Por Redacción
Hai un mes asinaban o Concello de Meis e a Deputación de Pontevedra un convenio para realizar melloras de seguridade viaria nos primeiros 250 metros da EP 9402 Mosteiro - Barrantes. Esta semana a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o proxecto para executar esta obra reclamada pola veciñanza de Meis no acceso ao núcleo urbano de Mosteiro.
O proxecto conta cun orzamento xeral de 310.866 euros. A Deputación achega 217.606 e o Concello de Meis, 93.260 euros. A obra ten como pretensión ampliar o espazo público ao unirse á Praza de España, que xa foi reformada a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos da entidade provincial.
O proxecto propón unha plataforma de convivencia para peóns sobreelevada con zonas de xardíns e mobiliario urbano. Mellorarase o firme e instalarase un novo paso de peóns con elementos de sinalización tanto vertical como horizontal.
Está previsto que se canalicen as augas pluviais, con rede de sumidoiros para que drene a estrada e poida eliminarse un problema de inundacións que se rexistraba de maneira habitual nesta estrada cando chovía con intensidade. Ademais, desaparecerán os tendidos eléctricos e de iluminación pública aéreos para introducirse baixo terra. Cambiaranse toda a iluminación deste tramo para reducir o gasto enerxético ao instalarse luces Led.
As obras contan cun prazo de execución de catro meses e o proxecto segue os perfís de seguridade viaria, accesibilidade e melloras urbanísticas que establece a Deputación para mellorar a mobilidad sostible e segura, apuntan desde o goberno que preside Carmela Silva.