Unha fronte que entra polo Atlántico traerá chuvias ás Rías Baixas a partir da noite do martes
Por Redacción
Este luns 23 Galicia mantense nunha situación de pantano barométrico, segundo a información facilitada polo servizo de MeteoGalicia. Na zona das Rías Baixas espéranse ceos despexados en xeral, con nubes de tipo medio e alta a medida que avance a xornada. As temperaturas manteranse entre os 6 e os 19 graos, experimentando un lixeiro descenso das mínimas. O vento manterase en calma.
Durante o martes, a influencia anticiclónica perderase debido á chegada dunha fronte activa. Os ceos presentarán nubes de tipo medio e alto durante a primeira metade da xornada. As precipitacións iniciaranse en toda a franxa atlántica sendo máis xeneralizadas durante a noite. As temperaturas situaranse entre os 7 e os 17 graos, con lixeiro descenso das máximas. O vento soprará de compoñente sur, forte no litoral para partir do mediodía.
O mércores 25, os efectos dunha masa de aire frío e con inestabilidade atmosférica manteranse sobre toda a comunidade. Os ceos permanecerán parcialmente nubrados e deixando precipitacións máis probables na metade norte e oeste de Galicia. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso movéndose entre os 9 e os 15 graos. O vento pasará a soprar de compoñente norte, con intervalos fortes no litoral da Coruña e de Lugo durante a mañá.
A partir do xoves ábrese un período de influencia dunha borrasca situada entre o Golfo de Cádiz e o Mar de Alborán proporcionando inestabilidade atmosférica na maior parte da península. Galicia manterase nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, con días máis secos durante o xoves e o venres, pero con probabilidade de precipitacións durante a última fin de semana de novembro. As temperaturas oscilarán entre os 8 e os 16 graos.