Andrés Díaz demanda á Xunta 10 millóns de euros para compensar a falta de investimentos en Ponte Caldelas no último lustro
Por Redacción
Tras a lectura do borrador dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2021, o goberno local que lidera Andrés Díaz acusa á administración autonómica de deixar sen resolver moitos dos asuntos que lle competen neste municipio e xa preparou emendas para que se atendan demandas que se arrastran desde hai anos.
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, sinala que a Xunta de Galicia debería investir 10 millóns de euros para compensar os cero euros de investimento nos últimos anos. Reclama un trato igual para todos os municipios de Galicia e erradicar os convenios a dedo.
A principal carencia do Concello atópase na falta de rede de saneamento na maior parte dos núcleos do rural e para este apartado reclamarase un investimento de 6 millóns de euros ao goberno da Xunta. Sinala que o último investimento que se realizou neste apartado por parte da administración autonómica remóntase a 6 anos en Reigosa.
Tamén demanda unha partida para o mantemento da área Arqueolóxica de Tourón, que permita conservar os petróglifos e todas as instanaciones do Centro de Interpretación.
Díaz demanda tamén unha partida de 100.000 euros para a apertura e posta en funcionamento da Casa da Quintán como centro de maiores ou centro mixto para maiores e persoas con discapacidade intelectual. Outros 100.000, con cargo a Augas de Galicia, considera que serían necesarios para reparar os pasos tradicionais de Taboadelo, sobre o río Verdugo.
Por último, solicita 60.000 euros para mellorar o estado do edificio do Centro de Saúde que, segundo manifesta o alcalde, atópase moi abandonado e provoca as queixas da poboación usuaria. Lamenta, ademais, que a Xunta practicamente só abordase nos seus orzamentos dos últimos anos as obras de mellora da estrada PO-234, unha das máis perigosas de Galicia. Neste novo orzamento contempla unha consignación para abordar a terceira fase, pero o alcalde sinala que non comezou a obra que xa debería finalizar neste 2020.