BNG e PSOE de Moraña, en contra da subida salarial para o alcalde popular José Cela
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Corporación de Moraña está convocada, por vía de urxencia, para este martes 24 de novembro a un pleno extraordinario. A esa sesión levan unha proposta do grupo de goberno do PP na que se expón a dedicación exclusiva do recentemente nomeado alcalde, José Cela Camiño, coa consecuencia dunha subida salarial que sería de 35.721,98 euros brutos anuais.
Ante esta pretensión, o grupo municipal do BNG anticipa a súa negativa polo contexto económico actual que se está a vivir e por incoherencia coas "posicións do PP de Galicia anunciando conxelacións salariais dos altos cargos".
Desde a formación nacionalista critican rotundamente esta decisión porque "non son admisibles as subidas salariais que o PP pretende" e achegan as retribucións que perciben alcaldes de concellos limítrofes como Cuntis, Barro ou Portas, que oscilan entre os 31.139 euros e os 35.500.
Ademais, lamentan que "no tempo que leva o señor Cela de alcalde non convocase plenos para abordar asuntos serios e importantes para os veciños de Moraña; e que neste tempo, o balance de xestión sexa a proposta por via de urxencia de establecer un soldo para a alcaldía" polo que conclúen que hai unha "falta de xestión do PP de Moraña e falta dun proxecto político para o noso Concello".
DENUNCIA DO PSOE
O voceiro socialista en Moraña Xoel Souto Eiras denuncia publicamente o nulo interese do Goberno municipal de Moraña por facilitarlle a participación no Pleno convocado o pasado xoves para este martes 24 de novembro. Souto Eiras explica que se atopa en corentena por un contacto directo cunha persoa positivo en covid-19, o que lle imposibilita a asistencia ao pleno. Solicitado dende o Concello a conexión por vía telemática asegura que lle foi denegada, alegando que só se poden organizar sesións grupais e non conexións dun só concelleiro. A nula vontade do Goberno local deixará, deste xeito, sen voz ao lexítimo representante da veciñanza, denuncia o portavoz socialista.
A Agrupación Socialista de Moraña está xa a elaborar unha moción para establecer un protocolo que permita asistir tanto aos plenos como ás comisións aos membros da corporación de modo telemático cando presenten unha causa xustificada que impida o desprazamento ata o lugar da reunión.
Ademais, desde o PSOE critican a suba porcentual por enriba do 0,9% do soldo que se vai asignar o alcalde. Afirma Xoel Souto Eiras que esta suba para José Cela tampouco encaixa coa campaña "populista" do PP a prol das conxelacións salariais para os responsables políticos.
Relacionadas:
-
Os alcaldes do PP piden á Deputación que apoie a creación dos GES en Moraña e A Lama
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Nova compensación para Caldas, Cuntis e Moraña pola explotación do encoro do Umia
Por Redacción |
-
O taller de emprego de Moraña entra na súa recta final coa intervención en dúas sendas fluviais
Por Redacción |