Demandan transparencia ao goberno de Caldas sobre a contaminación de cianobacterias no encoro do Umia
Por Redacción
O BNG de Caldas denuncia que o encoro do Umia sofre un dos episodios de contaminación por cianobacterias máis graves dos últimos anos e sinala que está a lograr picos que superan os 1,2 millóns de células de cianobacterias por mililitro de auga. Esta situación, segundo a forza nacionalista, afecta á calidade da auga que chega ás vivendas e establecementos da vila, previo paso pola Estación de tratamento de augas.
Alertan que, a pesar da gravidade, o goberno municipal de Caldas "decidiu ocultar a información deliberadamente a veciños e veciñas". E sinalan que non se publican desde fai máis dun ano os datos da analíticas da auga da traida na páxina web municipal.
Ante esta situación, o BNG acusa de falta de transparencia ao goberno municipal e tamén critican o "incomprensible cesamento do profesor Fernando Cobo á fronte da Estación de Hidrobiología da Universidade de Santiago de Compostela", este investigador estudaba a incidencia das cianobacterias no proceso de potabilización da auga da traída de Caldas. O cesamento, segundo os nacionalistas, prodúcese cando as analíticas do Umia comezaban a mostrar a gravidade nesta fase de contaminación de 2020.
Piden ao goberno local que poño ao dispor da cidadanía todas as analíticas realizadas por Fernando Cobo como polas demais empresas, publicándoas na web municipal e no taboleiro de anuncios municipal.
Manuel Fariña, representante do BNG sinala que "dificilmente se pode confiar nunha auga de consumo da que se ocultan e se agochan as analíticas".