Varios colectivos de defensa do patrimonio rexeitan a actuación no Castro da Subidá
Por Oskar Viéitez
Varios colectivos de defensa do patrimonio rexeitan as obras de "restauración e musealización" que se están realizando no castro da Subidá, no concello de Marín.
Trátase das asociacións Irmandade Illa de Tambo, Umia Vivo, A Forneiriña, AnovaTerra, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o Colectivo Monte Pituco que amosan a súa disconformidade con esta actuación impulsada pola Deputación de Pontevedra e financiada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, coa colaboración do Concello de Marín e co aval de Patrimonio da Xunta.
Estes colectivos sosteñen que esta intervención é "prexudicial e agresiva para este xacemento castrexo" polo movemento de terras e a instalación de mobiliario urbano "sen garantías para a conservación das estruturas primitivas e dos gravados rupestres que as rodean", ademais de "deturpar completamente a esencia do espazo natural no que se insire".
As entidades sociais, culturais e ambientais que denuncian a urbanización do castro da Subidá esixen a paralización inmediata das obras, que se anulen as autorizacións deses traballos así como do proxecto "Obras de restauración e musealización dos xacementos galaico-romanos de Pontevedra: trazas de Pontevedra (fase 1) " que, xunto coa Subidá, Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía), tamén afectará nun segundo lote aos castros da Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui), Cruz do Castro (Cotobade) e nunha terceira etapa os castros de Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), Trega (A Guarda), O Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) e Castrolandín (Cuntis), suspendendo as tramitacións en curso.
Tamén reclaman que o Ministerio modifique os proxectos de musealización presentados e que os someta á sinatura preceptiva dunha dirección arqueolóxica.
Finalmente estes colectivos aseguran que a día de hoxe "o estado do castro da Subidá é moi preocupante" pola transformación do espazo inmediato que rodea os restos arqueolóxicos en "espazos de lecer de dubidosa utilidade" coa instalación de bloques de pedra serrada a modo de bancos e lousas que pavimentan "parcial e arbitrariamente" o chan.
A isto engaden a construción de zapatas de formigón ao carón dos xacementos e ademais, pola retirada de pedras e terra "sen que haxa garantías de que se están salvagardando os abundantes restos cerámicos que previsiblemente forman parte do terreo".
Outro aspecto que cuestionan deste investimento é a "plantación de especies de xardinería ornamental e exótica nun monte de carballeira natural".
Relacionadas:
-
As catro visitas escenificadas aos xacementos musealizados da provincia comezarán esta semana
Por Redacción |
-
Menhir de 4.500 anos de historia, abandonado entre fentos
Por Redacción |
-
Cuntis mellorará a sinalización e a información dos recursos turísticos de carácter relixioso
Por Redacción |
-
A musealización do castro da Subidá irá ao Parlamento galego e ao Congreso dos deputados
Por Oskar Viéitez |
-
O Bloque convoca una concentración en defensa do castro de A Subidá
Por Oskar Viéitez |
-
Luz verde á musealización dos castros da Subidá, en Marín; e Alobre, en Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Deputación fomentará o turismo arqueolóxico a través da musealización dos castros
Por Redacción |
-
A Deputación e Fomento musealizarán os xacementos da Lanzada, Campo Lameiro, O Grove e Cotobade
Por Oskar Viéitez |