A vacina da covid-19, gratuita e voluntaria: sanitarios e maiores en residencias serán os primeiros
Por Alejandro Espiño
O Goberno espera que as primeiras vacinas contra a covid-19 cheguen en xaneiro. Para iso, Sanidade deseñou un plan de vacinación que, a través de tres etapas, terá como prioridade inmunizar aos profesionais sanitarios e aos colectivos de maior risco.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, avanzou que esta vacina será gratuíta e será administrada a través do sistema nacional de saúde. Nun primeiro momento, as autoridades sanitarias teñen exposto que sexa voluntaria.
"Calculamos que recibiremos 140 millones de dosis, para inmunizar a 80 millones de ciudadanos. Obviamente, más de la población que tenemos en nuestro país", sinalou Illa, para cubrir vacinas que poidan chegar defectuosas e axudar a terceiros países.
O Goberno considera que todo estará listo para vacinar "desde el momento en el que empecemos a recibir vacunas". Haberá uns 13.000 puntos de vacinación en toda España.
Nunha primeira etapa, que o ministro fixou entre xaneiro e marzo, o subministro será "limitado". Por iso é polo que Sanidade establecese ata dezaoito grupos poboacionais en función de catro tipos de risco: mortalidade, exposición á enfermidade, impacto socioeconómico e transmisión da enfermidade.
En base a estes criterios, os residentes e o persoal sanitario en residencias de maiores e de persoas con discapacidade serán os primeiros grupos en vacinarse. Seguirán o resto de persoal sanitario. E tamén grandes dependentes non institucionalizados.
Serán en total uns 2,5 millóns de persoas as que recibirán a inmunización entre xaneiro e marzo, se se cumpren os prazos previstos polo Goberno neste plan de vacinación.
A partir de aí, irase aumentando a vacinación noutros grupos de poboación ata que en xuño, segundo a previsión do Goberno, se cubran todos os grupos prioritarios, en torno a uns dez millóns de persoas.
Esta vacina da covid-19 será a número 15 dentro do calendario de vacinación español e, segundo Illa, será "igual de segura que todas as demais".
Relacionadas:
-
Nieves Cabo, primeira galega en recibir a vacina da covid-19: "Estou contentísima"
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade prevé iniciar o 29 de decembro a vacinación da covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Nadal que nos agarda: reunións de seis persoas e toque de queda á 1:00 en Noiteboa e Noitevella
Por Alejandro Espiño |
-
Un estudo sobre a covid-19 realizado en Pontevedra, premiado a nivel nacional
Por Redacción |