Q de Calidade para o xardín botánico e a carballeira de Caldas como "espazo público singular"
Por Redacción
O conxunto que forman a carballeira e o xardín botánico de Caldas de Reis vén de ser distinguido coa Q de Calidade Turística como "espazo público singular", segundo recolle a notificación recibida polo Concello por parte do Instituto para a Calidade Turística Española.
Esta é unha das primeiras distincións que se concede a un espazo público dos camiños de peregrinación a Santiago, tras o convenio asinado entre a Xunta e este organismo estatal.
A distinción avalía a calidade do conxunto, o sistema de xestión ou o equipamento e servizos que se prestan. Tamén pon o acento na garantía de calidade dos produtos e servizos ofrecidos polos espazos públicos singulares e na adecuación dos servizos ás expectativas e necesidades dos visitantes, así como na mellora continua do espazo público singular visto como un todo.
O alcalde, Juan Manuel Rey, considera que este distintivo recoñece os esforzos realizados ao longo dos últimos anos no coidado e posta en valor dun dos recursos turísticos e enclaves naturais máis importantes de Caldas.
O Concello atópase actualmente elaborando o plan de restauración do xardín botánico, que inclúe un levantamento topográfico previo.
Este documento estratéxico é un requisito necesario para poder acceder ás axudas do Goberno central para a conservación do patrimonio arquitectónico dentro do marco do 1,5% cultural, así como a outras liñas de subvención.
O plan está a ser coordinado polo doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Pedro Calaza e servirá fundamentalmente para marcar baixo criterios técnicos e profesionais a planificación regrada do mantemento, conservación e reposición do espazo.
O xardín de Caldas é Ben de Interese Cultural desde 1985. Neste lugar atópanse 400 árbores de especies chegadas dos cinco continentes.
Relacionadas:
-
A carballeira e o xardín botánico de Caldas de Reis logran a Q de Calidade
Por Redacción |
-
Os residentes en Caldas acaparan as visitas guiadas e os turistas os aloxamentos
Por Redacción |
-
Caldas de Reis é elixida entre os dez destinos máis acolledores de España
Por Redacción |
-
As leccións para extraer da pandemia centran as xornadas ambientais sobre turismo sostible de Caldas
Por Redacción |
-
Para presumir de ser Vilas en Flor, Caldas de Reis e Cuntis
Por Redacción |
-
Caldas pon en marcha unha campaña de eliminación de especies invasoras no curso do río Umia
Por Redacción |
-
Caldas contrata o Plan de Restauración do Xardín Botánico
Por Redacción |