Boa Vida pide "rachar co guión" e apostar por agasallos solidarios no Nadal
Por Redacción
A asociación Boa Vida ten claro que, con motivo da pandemia da covid-19, este ano máis que nunca os cidadáns deben "rachar co guión" e durante as próximas festas de Nadal doen, merquen ou agasallen produtos solidarios.
Así, desde a súa tenda na rúa Santa Clara puxeron en marcha unha campaña para animar os pontevedreses para que busquen os seus agasallos no seu clásico mercado de xoguetes no que se poden atopar artigos para todas as idades provenientes de doazóns.
Ademais, os responsables desta tenda solidaria puxeron en marcha a iniciativa 4x1, mediante a cal os interesados poderán mercar catro pezas de roupa por só un euro.
Para poder contar con material suficiente, desde Boa Vida recordan que os cidadáns poden depositar as súas doazóns de todo tipo de produtos nos puntos de recollida habilitados na cidade e, especialmente, solicitan a doazóns de xoguetes en bo estado para o Nadal.
Este Nadal "sostible", destacan desde a asociación, busca que "ningún cativo ou cativa quede atrás nestas datas tan especiais", creando mediante esta solidariedade un mundo máis xusto no que a xente con máis dificultades sexan os beneficiarios desta acción.
Boa Vida mantén en funcionamento diversos puntos de recollida para estes produtos na sede da UNED, na facultade de Ciencias Sociais, nos institutos Xunqueira I e II, no CEIP Froebel e no Concello de Vilaboa.