O concurso de acredores da empresa Celso Míguez provoca 25 despedimentos
Por Redacción
A empresa Celso Míguez entrará en concurso de acredores e despedirá a 25 traballadores. O sindicato CIG fai pública a decisión da empresa e denuncian que a dirección da mesma culpa os traballadores das débedas que mantén co cadro de persoal.
A presentación do concurso de acredores desta empresa dedicada á comercialización de pintura con sede en Pontevedra supón, explican desde a CIG, o despedimento do 50 % dos traballadores da firma.
"A dirección acusou a representación sindical de ser a culpábel das débedas salariais que a compañía mantén cos traballadores/as dende hai meses", denuncian desde a CIG nun comunicado posterior á última reunión mantida entre a dirección da entidade e o comité de empresa. O sindicato móstrase moi molesto coa actitude dos dirixentes e critican que"a empresa segue a negar que a situación actual estea derivada dunha mala xestión, e di que os impagos de salario, cinco nóminas e dúas pagas extra sen abonar, están motivados pola conflitividade dos dous últimos meses".
A pesar desta decisión, desde a CIG reiteran a súa intención de seguir loitando polo mantemento de todos os postos de traballo do persoal que decida permanecer na empresa. Neste sentido, a central asesora a un total de 14 traballadores que presentaron demandas xudiciais para reclamar a rescisión dos contratos e a cobranza dos salarios.
Relacionadas:
-
Peche en Celso Míguez do comité de empresa para forzar o diálogo coa dirección
Por Redacción |
-
Manifestación do persoal de Celso Míguez para reclamar os salarios atrasados
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Os traballadores de Celso Míguez esixen o pago dos salarios e un plan de viabilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |