Sanidade suaviza as restricións en Campo Lameiro e pon A Lama en "observación específica"
Por Natalia Puga
Novidades na comarca de Pontevedra ao remate da reunión do comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia. Este martes, a última hora da tarde, acordaron levantar as restricións especiais en oito concellos galegos, entre eles, o de Campo Lameiro, que ata agora formaba parte do peche perimetral con Pontevedra, Poio, Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Barro e Soutomaior.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, logo da reunión celebrada este martes pola tarde, presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o goberno galego acordou levantar todas esas restricións. A medida sairá publicada no Diario Oficial de Galicia deste mércores e entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores ao xoves.
Na outra cara da moeda pola súa evolución epidemiolóxica atópase A Lama. Malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o comité clínico acordou implementar unha "observación específica" á súa evolución epidemiolóxica.
Así mesmo, os expertos que avalían a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar ao concello de Moaña ao grupo de municipios con restricións especiais.
Sanidade tamén levantou restricións en tres concellos da provincia de Ourense, Verín, Amoeiro e Coles; noutros tres da provincia da Coruña, Trazo, Boqueixón e Val do Dubra; e nun da provincia de Lugo, Monforte. Na provincia de Pontevedra, tan só en Campo Lameiro.
Tamén se mantén esa "observación especifica" da Lama nas localidades de Ribeira, Petín, A Rúa y Dumbría.
Relacionadas:
-
Sanidade pecha perimetralmente Meis, Ribadumia e Meaño
Por Alejandro Espiño |
-
58 novos casos positivos na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción |
-
A incidencia da covid-19 en Pontevedra é a maior das sete grandes cidades galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Baixada de casos confirmados por PCR nas últimas horas: 48 positivos en 660 probas realizadas na área sanitaria
Por Redacción |