A incidencia da covid-19 en Pontevedra é a maior das sete grandes cidades galegas
Por Alejandro Espiño
Máis aló de subidas e baixadas puntuais no número de casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra, os datos achegados polo Servizo Galego de Saúde reflicten unha cuestión moito máis preocupante.
Pontevedra rexistra actualmente a maior incidencia acumulada, tanto a sete como a catorce días, das sete grandes cidades galegas. Nas últimas dúas semanas, a urbe do Lérez tivo case 355 casos de covid-19 por cada 100.000 habitantes.
Supera así a Vigo e a Lugo, onde esta incidencia a 14 días sitúase en 333 e 330 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente. En máxima alerta está tamén Ferrol, cunha incidencia de 267 casos. A Coruña (187), Ourense (168) e Santiago (137) pechan a lista.
En canto ao número de casos activos, Pontevedra ten a día de hoxe 345 contaxiados. Son nove máis que onte.
A incidencia acumulada de Marín nos últimos 14 días sitúase, pola súa banda, en 254 casos por cada 100.000 habitantes. Os contaxios activos son 87, tres menos que onte.
En Poio, onde esta incidencia tamén supera o nivel de 250, hai 62 casos activos, dous menos con respecto ao martes. Ademais, tras 304 persoas atópanse en corentena por ser contacto estreito con algún positivo.
Sanxenxo logra reducir os seus casos activos ata os 84, tres menos que onte. Iso si, a incidencia a 14 días tamén supera o limiar dos 250 casos. Como en Cambados, onde pola contra, aumentan os casos activos. Soben a 78, un máis que onte.
Non hai variación mentres tanto en Vilanova de Arousa, onde os casos activos seguen sendo 32. En Soutomaior, tampouco hai cambios e mantéñense os 23 contagios.
No resto da área sanitaria, Sanidade só proporciona datos dos casos diagnosticados no últimos catorce días.
Mediante este indicador O Grove sumou 48 contaxiados aos seus casos activos nas últimas dúas semanas, Caldas rexistrou 31, Meis 27, Ribadumia 26 e A Lama e Meaño 20. Bueu con 17, Cuntis e Cerdedo-Cotobade con 14 e Ponte Caldelas con 10 son os seguintes.
Durante este período, na Illa de Arousa, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas os novos contaxios non superaron os nove.
Relacionadas:
-
Falece un home de 70 anos ingresado no CHOP, a vítima 51 da covid-19 na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
58 novos casos positivos na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción |
-
Baixada de casos confirmados por PCR nas últimas horas: 48 positivos en 660 probas realizadas na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade suaviza as restricións en Campo Lameiro e pon A Lama en "observación específica"
Por Natalia Puga |
-
Baixan os casos activos nos municipios da área sanitaria salvo Sanxenxo e Vilagarcía
Por Alejandro Espiño |