Catro persoas, detidas pola Garda Civil por un roubo relacionado co tráfico de drogas
Por Redacción
O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados, baixo a dirección do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 deste municipio, detivo a catro persoas como presuntas autoras do roubo que se rexistraba en decembro de 2018 nunha vivenda de Ribadumia, roubo que se relaciona co tráfico de drogas, dentro da operación 'Cristal Difuso'.
Na denuncia que presentaran as persoas asaltadas, os feitos producíronse de madrugada cando dous encapuchados portando dúas pistolas entraban á forza nun piso de Ribadumia. Unha vez dentro, golpeaban e ameazaban aos dous homes que se atopaban no interior do domicilio: o morador e unha amigo. As dúas vítimas foron amordazadas e atadas con bridas.
Os delincuentes apoderáronse do diñeiro, xoias e outros obxectos de valor, abandonando aos dous homes manitados. Segundo o relato exposto polas vítimas, un dos dous asaltados conseguía soltarse das ataduras e alertar aos servizos de emerxencias. Unha vez liberados, ambos foron trasladados a un centro hospitalario, onde eran atendidos de lesións de diversa consideración.
A Garda Civil realizou unha inspección ocular da vivenda, recolleron diferentes indicios no lugar dos feitos, que xunto ás contradicións e incongruencias na declaración, confirmaron a posible participación nos feitos dun dos homes atacados e unha amiga de ambos e principal testemuña.
Na investigación determínase que a vivenda supostamente asaltada era utilizada para o tráfico de droga. Esa conclusión culmina coa detención do seu morador e coa aprenhensión por parte dos axentes de diferentes cantidades de cocaína.
Os investigadores, tras unha profunda análise, determinaron que unha suposta vítima a priori testemuña, e os outros dous homes, executando un plan preestablecido, desprazáronse ata a vivenda, co obxectivo de roubar a droga que houbese no interior do domicilio, simulando un roubo común. O modus operandi iniciouse coa suposta vítima accedendo á vivenda, valéndose da amizade co morador e ela foi quen facilitou a entrada aos dous supostos autores materiais do roubo.
Unha vez identificados os dous autores materiais, que contaban con antecedentes policiais por roubos con violencia e intimidación e secuestros, os axentes procederon á localización e detención dos catro participantes nos feitos. Todos os detidos son residentes na provincia de Pontevedra e con idades comprendiddas entre os 20 e os 30 anos de idade.
Segundo informa a Garda Civil, esta práctica de roubo de droga entre persoas e organizacións dedicadas ao tráfico ilícito de substancias estupefacientes coñécese como "envorco".