25N | Caldas advirte da "dificultade adicional" que a pandemia exerce sobre as mulleres
Por Redacción
O goberno municipal de Caldas quixo poñer este ano o foco na "dificultade adicional" que a pandemia da covid-19 e o confinamento exerceu sobre moitas mulleres. Ese foi o eixo do manifesto polo Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller.
O texto, que foi lido polo alcalde, Juan Manuel Rey, destacaba que a carga de coidados, unido á interrupción das redes sociais próximas, "creou unha maior situación de tensión no fogar", o que elevou a posibilidade de aumentar o risco da violencia machista.
De aí que Caldas optara nesta ocasión por tinguir de negro o municipio "como un río de carraxe" que busca poñer fin á violencia exercida sobre as mulleres e, sobre todo, aos "feminicidios". Son 41 casos no que vai de ano e "polo menos trinta" convivían co agresor.
"Non somos unha, nin dúas, somos milleiros de persoas as que estamos fartas de aturar as violencias machistas. En xogo está a vida de milleiros de mulleres e, por iso, eu loito contra as violencias, loito contra o machismo", concluía o manifesto.
Ao longo da semana, Caldas foise enchendo de lemas e consignas de rexeitamento á violencia machista, que se puideron ver tanto nas oficinas municipais como nos establecementos comerciais, nos centros educativos e na propia rúa.
Espazo libre de violencias machistas, non estás soa, son home e son feminista, contra as violencias educación ou somos o berro das que xa non teñen voz son algunhas das mensaxes espalladas por todos os recunchos do municipio.
Amais do material gráfico e da participación social, tiveron especial relevancia as achegas realizadas á campaña por parte da comunidade educativa.
O CPR San Fermín, o Colexio Plurilingüe La Encarnación, a CRA Pluriinfantil de Caldas de Reis e o IES Aquis Celenis realizaron vídeos, carteis e outros traballos creativos nos que deixaron clara a súa sensibilización con esta lacra social e dixeron basta á violencia machista.