Sacan a concurso 64 postos de venda no Mercado de Abastos de Pontevedra
Por Redacción
A concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra pon en marcha o procedemento para a concesión de 55 postos e 9 casetas que están dispoñibles no Mercado de Abastos da cidade. A Xunta de Goberno do próximo luns aprobará o prego de condicións para adxudicar estas vacantes, que se outorgarán por libre concorrencia no formato de poxa.
En concreto, sacaranse a concurso 55 postos dos 114 existentes na praza. Actualmente hai 159 ocupados, dos que 15 pertencen a florerías, 52 a venda de peixe e noutros tres dedícanse á venda de froita. Póxanse tamén seis casetas interiores para comercializar carne, dous exteriores de confección e unha de prensa.
Os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes, melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total da concesión, que é de 25 anos. As taxas mínimas que se deben ofertar roldan os 3.800 euros para os postos de peixe e froita; entre 9.000 e 13.000, para as casetas interiores; e 8.100, para as exteriores. As ofertas recibidas por baixo destes mínimos serán rexeitadas. Ademais, os que resulten gañadores deberán facer fronte a todas as súas obrigacións tributarias.
Os interesados en poxar terán a partir da próxima semana os pregos e condicións que deben cumprir accesibles na sección de Perfil do Contratante da páxina web do Concello de Pontevedra.
BLACK FRIDAY NO COMERCIO LOCAL
Dada a actual crise sanitaria e económica derivada da pandemia da Covid-19, desde o Concello de Pontevedra fan un chamamento á cidadanía que teña previsto realizar compras durante a campaña comercial do Black Friday para que adquiran os seus produtos no comercio local e menos en plataformas dixitais de grandes empresas multinacionais.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, animou aos veciños "a ser moi #PonteLovers e comprar agasallos a través dun marketplace que é moito máis interesante que Amazon, que se chama E-Ponte.com e cuxa filosofía é a contraria que a dese xigante monopolista: mercar aos que están preto de nós", propón a edila socialista.