Concentración con lanternas para "iluminar" aos xestores da Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os sindicatos da área Sanitaria de Pontevedra PROSAGAP, CO-BAS e CESM convocaron unha concentración de protesta para o venres 27 de novembro na Praza de España ás 19:00 horas.
Como singularidade, nesta ocasión os portavoces sindicais queren que os participantes nesta mobilización acudan con velas, lanternas ou adornos de luces para "iluminar" aos xestores da Sanidade Pública en Galicia.
Nesta concentración volverán esixir o cesamento da Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, e reivindicarán que todo o persoal sanitario conte coas medidas de protección imprescindibles para o seu traballo na loita que manteñen contra a pandemia.
A protesta deste venres pon fin ao calendario de mobilizacións desenvolto este mes no que estes sindicatos levaron a cabo catro concentracións no Hospital Montecelo e no Provincial.
As tres centrais sindicais reclaman, ademais, o cumprimento da Lei de Protección e Riscos Laborais (LPRL), do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e o Decreto 644 de Riscos Biolóxicos, tamén demandan máscaras FFP2 para todo a persoal da área Sanitaria, con equipos de protección individual adecuados ás tarefas que realiza cada un.
Na rolda de prensa celebrada este martes, lembraron que é "imprescindible" a actualización de protocolos con adecuación á situación actual da pandemia, e o "control efectivo" das entradas e saídas dos hospitais con circuítos para os pacientes segundo as necesidades.
Enrique Marra, delegado do sindicato Médico de Galicia CESM; María Torre Almón, de Prosagap e Rafa Vázquez do sindicato Co.Bas concluíron cun chamamento á participación de todo a persoal da área Sanitaria de Pontevedra nesta concentración que é "unha chamada de socorro" porque, segundo advirten, "a calidade asistencial que reciben os pacientes e a seguridade dos profesionais sanitarios está en xogo".
Relacionadas:
-
Concentración na Peregrina en defensa dos servizos públicos
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Chamamento a favor da Sanidade Pública: "a pandemia está a sacarse grazas á pública"
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Prosagap, Co.Bas e CESM preparan unha concentración na Praza de España para pedir o cese da xerencia
Por Redacción |
-
Dúas concentracións de representantes sindicais sanitarios cun obxectivo: a marcha da xerencia do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Continúan as protestas reclamando o cesamento da xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sindicatos denuncian o día a día do persoal sanitario: percorrer o hospital coa mesma máscara cirúrxica de 8 a 15
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |