25N | Poio esixe que a covid-19 non sexa unha "escusa" para retroceder no compromiso contra a violencia machista
Por Redacción
A violencia machista é, segundo destacou Poio con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, un dos problemas "máis graves e persistentes" da sociedade actual. E a pandemia da covid-19 non axuda a combatelo.
A actual situación, sinalan desde o Concello de Poio, "non pode servir de escusa para retroceder no compromiso e na acción política contra a eliminación da violencia machista".
Así o sinalou a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, na concentración que se celebrou este mércores ás portas da casa consistorial, na que membros da corporación e traballadores municipais gardaron un minuto de silencio polas vítimas desta lacra social.
Díaz leu a moción aprobada por todos os grupos políticos na que, entre outras cousas, solicitan ao Goberno central que desenvolva as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e avance nunha definición da violencia machista "que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e da parella".
Ademais, a moción tamén insta á Xunta de Galicia a tomar medidas que redunden na sensibilización, prevención e atención integral nesta materia, consignando orzamentos suficientes en 2021 para loitar contra esta lacra. Por último, o Concello tamén se compromete a manter o seu compromiso para erradicar estes comportamentos e agresións.
Ao amparo da programación do 25N, nos últimos días xa se desenvolveron diferentes iniciativas no eido social e educativo, a través de actividades como a campaña Poio en negro, implicando ao tecido empresarial e veciñal do municipio.
A Caravana Espazo Libre, na que dúas axentes de igualdade fixeron entrega de material e información a través dunha ruta itinerante realizada por todo o municipio, tamén fixo un alto este mércores nas inmediacións do Concello.
A xornada incluíu tamén a achega dos corpos de emerxencias. Así, a Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil sumáronse ás reivindicacións activando os sinais de luz e son dos seus vehículos.
Relacionadas:
-
Moción conxunta contra a violencia machista con demanda de investimentos para atender as vítimas
Por Redacción |
-
Axentes da Policía Local de Poio deteñen un home de 27 anos acusado de agredir a parella na rúa
Por Redacción |
-
25N | Maica Larriba pide condenar actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia á muller
Por Redacción |
-
25N | Berro de liberdade en Pontevedra contra a dor da violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'Faino visible', o alumnado do IES de Poio alerta sobre as violencias machistas
Por Redacción |
-
Mes reivindicativo en Poio polo 25-N coa reactivación da campaña 'En Negro contra as Violencias'
Por Redacción |