25N | Berro de liberdade en Pontevedra contra a dor da violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Praza da Peregrina na cidade do Lérez foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para iniciar un novo ciclo do programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero', un proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público, desde o ano 2015, co fin de reivindicar a igualdade de xénero.
"O noso berro contra as violencias que sofren as mulleres desde a arte contemporánea", destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva para referirse a esta proposta que incluirá 25 accións culturais que chegarán a todas as comarcas da provincia. As accións tocan distintas vertentes culturais. Haberá performances, intervencións murais de gran formato, accións de danza contemporánea, accións escénicas, musicais e poéticas.
Máis de 100 artistas xa pasaron por este programa ao longo de 5 anos nos que o espazo público se converteu nun espazo de reivindicación.
Este martes, 25 de novembro, con 'Feelings' arrancou un novo ano de visibilización das violencias machistas desde a perspectiva da arte contemporánea. A cidadanía que este mediodía pasaba pola Praza da Peregrina sorprendeuse con esta emocionante acción coa que a artista Janet Novás quixo dar voz a todas as mulleres que sofren en silencio as violencias machistas.
No seu discurso Carmela Silva sinalou que "as mulleres vivimos subordinadas e de aí nace a violencia" porque "non vivimos nun mundo de igualdade", destacou. A modo de exemplo, a presidenta lembrou que a día de hoxe "só o 10% do diñeiro do mundo está en mans de mulleres" e "só o 1% das terras".
Neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que "en España levan asasinadas 1.074 mulleres só desde 2003 e 41 neste 2020".
"Hai que erradicar o sistema social. Os asasinos non son enfermos. O machismo non é unha pandemia", berrou Carmela Silva. As mulleres, continuou a presidenta, "somos o talento que se esquece, non ocupamos o espazo que nos corresponde. Os dominadores empregan a violencia para que sigamos subordinadas", dixo.
Carmela Silva rematou asegurando que "non teño dúbida de que remataremos coa violencia. Un canto de esperanza desde a indignación. Erguerémonos máis fortes. Denunciaremos os asasinos. A sociedade desprézaos".
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores deu os parabéns á Deputación "por este programa que nos remove a través de accións artísticas".
Lores afirmou que "a loita contra a violencia machista debe estar os 365 días do ano na axenda política" e dirixiu unha mensaxe ao movemento feminista "sodes un exemplo de mobilización e loita".
O acto incluíu a lectura dun manifesto escrito pola xornalista Sara Vila no que dixo que as mulleres "estamos fartas do silencio" e reivindicou que "fan falla recursos para educación, empresas e institucións". Ademáis, subliñou que "a necesidade de reeducación abránguenos a todos e a todas" xa que "precisamos referentes de mulleres e de homes non tóxicos".
"No mundo que queremos os maltratadores están sos", rematou Sara Vila.
Relacionadas:
-
Marín reflexiona sobre os "malabarismos" das mulleres para poder conciliar
Por Redacción |
-
"Este é o momento de reivindicar a cultura"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
25N | Maica Larriba pide condenar actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia á muller
Por Redacción |
-
25N | Poio esixe que a covid-19 non sexa unha "escusa" para retroceder no compromiso contra a violencia machista
Por Redacción |
-
25N | Vilaboa pagará o taxi ás mulleres que necesiten axuda pola violencia machista
Por Redacción |
-
25N | Cerdedo-Cotobade apunta ás máscaras como un símbolo "da mordaza que fai calar a moitas mulleres"
Por Redacción |
-
25N | Sanxenxo reclama combater a violencia machista "con seriedade e rotundidade"
Por Redacción |
-
25N | Bueu concéntrase en silencio e apela á educación para "erradicar" a violencia machista
Por Redacción |
-
25N | Caldas advirte da "dificultade adicional" que a pandemia exerce sobre as mulleres
Por Redacción |