A CIG alerta da "precariedade" dos traballos relacionados cos coidados
Por Redacción
Este 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a CIG alerta da "precariedade" dos traballos relacionados cos coidados.
A central nacionalista mobilizouse diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para chamar a atención sobre "un tipo de violencia machista menos visible, a violencia institucional, e sinalar a quen a ten responsabilidade de rematar con ela", porque "descoidar a quen coida é violencia contra as mulleres".
Precisamente ese é o lema escollido pola secretaría das Mulleres da CIG para a campaña deste 25N, a través da que reivindicar que se lle dean as tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade.
A secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral, reivindicou o recoñecemento e revalorización do sistema de coidados, instou á mellora das condicións laborais do persoal deste sector e demandou a creación dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas.
"Porque os recursos e servizos teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a seren considerados un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións laborais dignas e estábeis para as persoas traballadoras", afirmou margarida Corral.
Relacionadas:
-
A CIG sae á rúa nunha protesta "imprescindible" para reclamar unha saída galega xusta á crise
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Garantir unha saída galega xusta da crise, reivindicación da CIG ante a Subdelegación
Por Redacción |
-
A CIG denuncia que "descoidar a quen coida é violencia machista"
Por Redacción |