Encargan un estudo para avaliar o impacto do teletraballo sobre a igualdade
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra encargará un estudo para determinar como o traballo desde o domicilio afecta ás desigualdades entre traballadoras e traballadores municipais, co obxecto de evitar incrementar ou abrir novas fendas entre homes e mulleres.
Así o anunciou a edil de Persoal, Carmen Fouces, que explicou que esta análise será previa á regulación e negociación dun sistema de teletraballo para os empregados municipais.
"Evidentemente non imos resolver a problemática da desigualdade laboral dun plumazo pero o que non queremos é afondar na fenda", destacou Fouces, que agarda que este estudo poida estar rematado en febreiro.
A nova regulación, que vén determinada por un decreto lei do Goberno, debe contemplar o teletraballo como un xeito ordinario de traballo entre os empregados públicos, máis alá da excepcionalidade da situación de pandemia.
De cara a implantar este sistema, a concelleira de Persoal asegurou que "temos que estar moi pendentes de que o teletraballo non veña con algún retroceso e que non sexa como un cabalo de Troya sobre cuestións xa conquistadas e que poderían venderse como un paquete de teletraballo, conciliación e quedar na casa".
Neste sentido, insistiu en que é necesario prestar especial atención ás persoas traballadoras que se incorporaron máis tarde ao traballo asalariado regulado como as mulleres que, no ámbito laboral, "levamos moitos anos de retraso con respecto aos homes".
Carmen Fouces explicou que este estudo partirá da hipótese de que o teletraballo concibido como un xeito ordinario de traballo traerá un marco laboral que pode propiciar un incremento da desigualdade entre homes e mulleres, "prexudicando a estas na súa carreira profesional e na súas relacións laborais".
Será sobre esta hipótese de partida sobre a que se realice a investigación para concluír ata que punto este enunciado é correcto.
Para iso, analizaranse, dunha banda, o Concello como administración e, doutra, os postos de traballo susceptibles de teletraballar. En todo caso, a investigación non entrará no ámbito doméstico das traballadoras, segundo garantiu a edil do BNG.
Nestes momentos, están teletraballando "entre 50 e 70 empregados" e creáronse grupos burbulla nos servizos que "son o corazón" da administración municipal, entre eles Intervención, Secretaría, Tesourería ou Informática, para evitar que un positivo por covid-19 paralice a actividade do Concello.
Relacionadas:
-
A Deputacion adaptará a normativa estatal sobre teletraballo incorporando a perspectiva de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello reforza o persoal de atención presencial á cidadanía e outros servizos municipais
Por Redacción |
-
O Concello avanza na creación dun sistema propio de teletraballo
Por Oskar Viéitez |