Hai oito anos o comercio en España comezaba a lanzar as súas ofertas co chamado Black Friday; tres anos despois eran o 60% e os pasado ano superaba o 90%. Ofertas no comercio en liña e presencial. Ante esa competencia internacional e de grandes compañías o comercio de proximidade tamén lanza as súas promocións.
Diso falamos nas Conversas na Ferrería con Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica; Edelmiro Xusto, deseñador da plataforma telemáticae-ponte.com; e Milo Castelo, propietario de Urban Culture Factory e participante na plataforma. "Tiñámolo claro de antes, pero o confinamento e a pandemia levounos a poñer en marcha esta plataforma local para seguir consumindo en proximidade a través do comercio en liña" apunta a concelleira socialista.
Edelmiro engade que o obxectivo é "posicionar o comercio de Pontevedra a nivel local, pero sobre todo nacional" e neste pouco máis dun mes activos fixeron vendas en cidades como Valencia, Sevilla, Tarragona, ou na comunidade de Asturias.. Este proxecto tamén conleva traballo en redes sociais e formación entre os participantes e con iso conseguen "humanizar o mercado en liña, que non sexa só unha plataforma de venda de produtos".
Castelo achega a experiencia dun dos negocios implicados "está a darnos gran visibilidade, creo que é unha gran oportunidade para sectores como o noso porque che fan moi visibles e notamos que estamos a crecer grazas tamén a estar en canles como estes" di no podcast de PontevedraViva Radio.
Con motivo do Black Friday, a plataforma está a ofrecer promocións que se prolongarán ata o domingo 29; e tamén se contemplan accións promocionais para Nadal. Ademais, pola súa propia idiosincrasia de funcionamento a praza de abastos, igualmente presente na plataforma, actualiza "prezos e produtos case a tempo a real".
Todos eles coinciden nunha percepción: esta tesitura supuxo unha maior concienciación cidadá sobre a idoneidade, necesidade, de consumir no comercio local, de proximidade.