A Deputación aproba o convenio para financiar o campo de fútbol de Salcedo con preto de 1,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta en rolda de prensa do convenio co Concello de Pontevedra aprobado este xoves na Xunta de Goberno por 1,7 millóns de euros.
Serán para a execución do campo de fútbol de herba artificial na parroquia de Salcedo, que xunto con todas as dotacións deportivas complementarias como vestiarios, aseos, cantina, bancadas, enfermería ou almacén tamén inclúe unha obra complementaria como é a construción dun almacén de bicicletas e unha aula da natureza.
Despois de que o pasado 23 de outubro desra o visto bo á recepción dos 14.800 metros cadrados de terreo cedidos pola Mancomunidade de Montes nas inmediacións das instalacións da base militar da Brilat, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou o pasado 17 de novembro solicitar formalmente á Deputación a sinatura do convenio de colaboración polo que a institución provincial lle outorgaría á administración municipal unha subvención polo custe total do proxecto, cuxo orzamento base de licitación ascende a máis de 1,6 millóns de euros.
Segundo aclarou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o seu departamento xa recibiu autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) para levantar as futuras torres de iluminación do campo (que terán unha altura de 24,61 metros) e un informe positivo do arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, en relación aos petróglifos situados nas proximidades da parcela, "quedando pendente os permisos do Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia".
No que atinxe á autorización de Defensa, os terreos nos que se construirá o campo de fútbol eran empregados antigamente como campo de tiro (motivo polo que se atopan explanados), se ben unha sentenza xudicial ditaminou que en realidade a súa titularidade pertencía aos comuneiros.
O futuro terreo de xogo, deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez, terá unhas dimensións de 100x58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola FIFA.
O proxecto plantexa un conxunto de novas edificacións que integra tódalas instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada.
Relacionadas:
-
A construción do campo de fútbol de Salcedo comezará antes de final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
As obras do novo campo de fútbol de Salcedo comezarán no verán
Por Redacción |
-
Carmela Silva e Fernández Lores repasan os cinco anos de "colaboración e lealdade" entre a Deputación e o Concello
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello recepciona os terreos cedidos para construír o campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |
-
Tino Fernández solicita a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación para financiar o campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |