A mellora da seguridade viaria centra o Pleno de Barro, que aproba os orzamentos para 2021 e bonificacións na taxa do lixo
Por Redacción
O Pleno da Corporación de Barro celebrado na tarde do mércores centrou parte da sesión en proxectos de mellora da seguridade viaria. O principal foi a aprobación dun convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra para a remodelación integral da praza de San Amaro, pero tamén se aprobou unha moción para mellorar a seguridade viaria na parroquia de Curro.
A actuación de recuperación e humanización da praza de San Amaro faise necesaria porque é un espazo deteriorado e faise preciso garantir a seguridade dos peóns que se moven nese entorno.
Ao tratarse dun cruce de viais que forma parte do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, son centos de persoas as que se moven nese lugar a diario, xa que é o primeiro contacto que teñen os peregrinos co tramo urbano de Barro.
Esta remodelación é unha das demandas que o alcalde, Xosé Manuel Abraldes, fixo á Deputación de Pontevedra no ano 2016. O proxecto ten un orzamento de 303.282,07 euros e será financiada nun 70% pola Deputación e nun 30% polo Concello, con cargo ao Plan Concellos 2021.
Ademais, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo PP para mellorar a seguridade viaria nos lugares da Lomba e Vales, na parroquia de Curro. Os 'populares' argumentaban que debido á proximidade do polígono de Barro-Meis, ultimamente hai moito transito de camión pesados por estes lugares, mesmo chegando a impactar na cuberta de algún domicilio.
O pleno tamén serviu para aprobar os orzamentos para o ano 2021 e acordouse dirixirse á Xunta de Galicia para que incorporen unha partida nos orzamentos autonómicos para a construción dun novo centro de saúde en Barro.
Ademais, modificouse a ordenanza da taxa da recollida do lixo para que os establecementos que tiveran que pechar por causa da pandemia non teñan que pagar durante eses meses; a modificación puntual número 3 do PXOM, referida a novos accesos ao lugar de Valbón, co obxectivo de mellorar a comunicación dese lugar e o Camiño de Santiago co núcleo de San Antoniño; e o inicio da contratación da xestión do ciclo da auga do polígono de Outeda-Curro.